Poesía mínima / Minimal Poetry, de Helena Villar Janeiro

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Poesía mínima / Minimal Poetry, de Helena Villar Janeiro

Poesía mínima / Minimal Poetry, de Helena Villar Janeiro

Helena Villar Janeiro

Poesía mínima /  Minimal Poetry

Alvarellos, Santiago de Compostela, 106 páxinas, 16 €

 

Poesía mínimade  Helena Villar Janeiro, é unha pequena alfaia, estética e literariamente falando.  Nunha exquisita e elegante edición trilingüe -galego, castelán e inglés- a cargo de Alvarellos, a autora ofrece un libro singular onde a palabra, ordenada a xeito de haikú, dialoga con fotografías da propia autora, construíndo unha entrega composta por cincuenta poemas. Se foi antes a fotografía e logo a palabra ou se foi ao contrario non resulta relevante. Si o é, talvez, ese diálogo suxestivo entre imaxe e texto, aínda máis cando o último agroma concentrado e exacto abeirado a un xénero no que a autora se manexa con extraordinaria habelencia e coa precisa harmonía para ofrecernos unha sorte de breviario laico, abrazado loxicamente por referencias que beben do mundo da natureza e dono dunha estrutura que suxire un camiño no que cadaquén vaia gorentando o que se ofrece aos poucos pois cada fotopoema esixe o seu tempo concreto para apreciar esas liñas ocultas que vinculan as dúas artes que se exhiben, tamén para desvelar as claves do que se nos quere transmitir.

Con todo, aínda hai máis, Poesía mínima consegue introducirse en nós transportando o espírito a través da lectura e a visualización a un espazo rexido pola emoción, a beleza e a sensibilidade, algo semellante -supoño- ao que sempre foi a poesía. As palabras e as imaxes de Helena articúlanse de maneira que todo todo adquire un novo sentido, en tantas ocasións sorprendente e inesperado, serpeando en ocasións polos territorios das sombras e dos contrastes inesperados. Trasládasenos así a unha dimensión profunda emanada da percepción dunha paisaxe, dunha flor, da auga encorada, dunha porta ou dunha ventá… Hai sempre un respecto profundo e unha esculca polas pegadas que deixa o paso do tempo, en ocasións reflectido no abandono ou na destrución, noutras nesa beleza que tamén xermola del, aínda que tantas veces non se queira ver así. Dun ou doutro xeito teño para min que o encontro persoal cos fotopoemas deste libro atesoura a posibilidade de admirar e sentir dentro de si un xogo de espellos admirable que cada lectora, cada lector, ha interpretar particularmente con resultados diferentes e felices. Convido vivamente a que se faga.

Source: Caderno da crítica

2018-02-07T17:56:58+00:00 07 / 02 / 2018|Caderno da crítica|