Pioneiras

Supuxo unha especial ledicia recibir este libro: Pioneiras. Galegas que abriron camiño que vén de publicar a editorial Xerais con textos de Anaír Rodríguez e ilustracións de Nuria Díaz. Un álbum para descubrir 12 mulleres que os libros de Historia agochan, unha vez máis, como adoita ocorrer porque esa historia está escrita polos homes. E aínda que o meu pensamento sexa “ogallá que en lugar de 12 falase de moitas máis!!!”, temo que aínda así estas doce mulleres constitúan unha descuberta para moita xente. Así que benvida a publicación deste libro na nosa lingua e con protagonistas da nosa terra. Canto cómpren este tipo de publicacións!  Un deses libros que deben estar en lugar destacado de toda biblioteca escolar, sen ningunha dúbida. Mercalo podería considerarse obrigatorio.
Falamos, pois, de doce biografías de mulleres pertencentes a diversas áreas profesionais como son o xornalismo, a medicina, a literatura, o fútbol, a música ou os avances científicos. Todas elas, claro está, desenvolven ese traballo nunha contorna opresora, hostil, contraria ao seu desenvolvemento profesional. De aí que se convirtan en modelos de esforzo e de valentía, porque ser pioneira non é cousa doada, porque resistir a incomprensión da sociedade non é tarefa ao alcance de calquera.
Precisamos de moitos libros coma este, sigo dicindo. Case todos os libros que se publican arredor das grandes figuras femininas están en castelán. Que cunda, por favor.

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2018-02-15T23:18:00+00:00 15 / 02 / 2018|Trafegando ronseis|