Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez e Abi Castillo

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez e Abi Castillo

Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez e Abi Castillo

Anaír Rodríguez

Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño (ilustracións de Abi Castillo)

Xerais, Vigo, 32 páxinas, 15,50 euros, 2019.

 

Tras o indiscutible éxito que supuxo Pioneiras, acollido con fortuna por crítica, lectoras e lectores, incorpórase este Pioneiras 2 a ese ronsel da memoria das mulleres galegas ignoradas e descoñecidas, nesta ocasión con ilustracións da artista Abi Castillo.

Esta reivindicación de mulleres, que salientaron en diversos ámbitos profesionais e cuxa presenza ou resonancia foi e é mínima ou inexistente nos nosos tempos, é un dos valores desta publicación, destinada en primeira instancia a un público infantil e xuvenil mais, asegúroo por experiencia propia, acaído para persoas adultas que queiran avanzar no coñecemento necesario destes perfís biográficos.

Deste xeito, Anaír Rodríguez realiza un exercicio de síntese apreciable de cara a extraer as liñas fundamentais dos percorridos profesionais e vitais de once mulleres e axudar á súa divulgación: un labor de sementeira que cómpre agradecer. Nesta ocasión as mulleres agrúpanse polo feito de desenvolveren a súa actividades na primeira metade do século XX, entre as que achamos voces talvez máis coñecidas como Ángela Ruiz Robles, precursora do primeiro libro electrónico,  a pedagoga María Barbeito ou María Cardarelly, fotógrafa de Rosalía de Castro, pero outras ocultas na nosa sociedade ás que a autora axuda a sacar o po e os prexuízos que minimizaron as súas achegas como son Antonia Ferrín, a primeira astrónoma; Rita F. Queimadelos, a primeira arquitecta; Antonina Sanjurjo, deportista e feminista; a actriz Mercedes Mariño; Elisa Patiño, a pioneira aeronauta; Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa galega -do concello de Portas-; alén tanto da inventora dos primeiros traxes de auga, como foi Joaquina García,  como da primeira licenciada en Farmacia: a viveirense Manuela Barreira Pico.

Os meus parabéns pola continuidade, tan necesaria, deste proxecto, ao que desexo o maior dos seus éxitos, isto é, que sexa moi lido e divulgado.

 

Source: Caderno da crítica

2019-02-17T20:19:02+00:00 17 / 02 / 2019|Caderno da crítica|