Perdedores que acabaron ganando

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Perdedores que acabaron ganando

Perdedores que acabaron ganando

A hora de espertamos xuntos

Kimen Uribe

Traducción de Isaac Xubín

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 359 páginas.

 

Un narrador, Kirmen Uribe enteiramente consolidado (Premio Nacional de Narrativa, Premio Nacional da Crítica, entre outros moitos galardóns) achéganos en A hora de espertarmos xuntos, un híbrido e moi potente artefacto literario: unha novela de non ficción que non soamente é relato de feitos, senón que establece un punto de entronque entre realidade e ficción. O mesmo autor, consciente da recuperación ficcional do pasado, o reflictes con estas palabras na Nota que pecha o libro: “Esta é unha novela e a lóxica que segue é a da ficción. Aínda así, como todos e cada un dos personaxes que aparecen neste libro son reais e, igualmente, a historia que protagonizan é verídica, tomei a licenza de imaxinar e novelar algunhas das pasaxes e diálogos que aparecen na obra.” Tal como desde anos veñen facendo, entre outros, Emmanuel Carrère, Patrick Deville, Elena Poniatowska, Delphine de Vigan ( Basada en hechos reales) ou Rosa Montero, máis próxima a nós (La ridícula idea de no volver a verte) ou os Premios Nobel, J. M. Coetzee (El maestro de Petesburgo) e Patrick Modiano (Libro de familia). La técnica compositiva e estética de Kirmen Uribe  é a mesma:literatura de feitos reais, convenientemente ficcionalizados.

A hora de espertamos xuntos é unha novela moi rica e complexa, exhaustivamente documentada que reconstrúe, desde a ficción, unha historia familiar: A vida da parella Txomín Letamendi e Karmele Urresti e a dos seus fillos Ikerne, Txomín e Patxi, mais co plus engadido de que se converte así mesmo nunha novela sobre a historia vasca, española e en parte norteamericana, durante o pasado século e a primeira década do actual; con multitude de personaxes, todos reais, que fan do relato de Kirmen Uribe una novela coral. Unha historia real, retrato calidoscópico de tres xeracións, e que o autor define con estas palabras: soño, impotencia y rendición, esperanza.

Tras unha páxinas introdutorias sobre  a xénese da novela -o coñecemento real de Karmele Urresti e o autoconvencemento de que debía de escribir un libro baseado na súa vida, na da súa familia a na da súa xeración e en definitiva na de todo un pobo, a novela bota a andar coa descrición dun cadro de Antonio Gezala, (Noite de artistas en Ibaigane) que reproduce o aire divertido e aloucado dos anos vinte, e no que aparece un trompetista, Txomín Letamendi Murua, un dos protagonistas basilares da novela. Músico e comandante de gudaris durante a Guerra Civil, exiliado en Francia tras a toma de Euskadi polas tropas franquistas. Coñece a Karmele Urresti en París en decembro de 1937, ao coincidir con ela na embaixada cultural que o lendakari José Antonio Aguirre e o empresario Manu Sota crearan para manter viva a realidade de Euskadi.  Ambos forman parte do coro Erosoinka, de xira propagandística a favor da causa vasca por varios países. Pronto xurde un romance e Karmele queda embarazada. E como a moral da época discriminaba as nais solteiras, casan, sendo notario do acto o lendakari Aguire, igualmente exiliado. En xulio de 1939 nace Ikerne Letamendi Urresti.

Ambos os dous e as súas respectivas historias, e a de Karmele logo do falecemento de Txomín a finais de 1950 como consecuencia das terribles torturas ás que foi sometido, son o fío condutor da novela. O autor segue os  pasos da familia que colabora cos servizos de propaganda do goberno vasco no exilio. Txomín Letamendi traballa cos servizos secretos norteamericanos, e tras unha tempada de exilio dourado en Venezuela, acepta a petición do lendakari Aguire e trasládase a España para apoiar a organización clandestina do partido nacionalista vasco. Dobre detención, cárcere, vexacións e torturas ata que morre derrotado, pesando apenas trinta e cinco  quilogramos. Karmele regresa a Venezuela e alí atopa traballo con enfermeira.

A partir dese momento, nela e nos seu fillos centra o autor a trama da novela. Danos conta do esmorecemento da resistencia antifranquista, do acantoamento  do goberno vasco no exilio por mor da guerra fría, do nacemento de ETA a finais dos anos cincuenta porque as xeracións máis novas do PNV non aceptaban o derrotismo. Txomín Letamendi Urresti forma parte do órgano propagandístico  do grupo etarra que o 2 de agosto de 1968 deu un golpe crucial  na súa estratexia e asasina a un coñecido torturador e colaborador activo da Gestapo, o policía Melitón Manzanas. Condenas a morte a Andoni Arrizabalaga, o Proceso de Burgos de 1970 con nove condenas á pena capital, que Franco conmuta debido ás mobilizacións tanto nacionais como internacionais. As escisións de ETA. O abandono da organización terrorista por parte de moitos membros, entre eles Txomín Letamendi Urresti, a voadura polos aires do presidente do goberno franquista, Carrero Blanco, os atentados indiscriminados, a espiral de violencia porque ETA segue matando durante longos anos, a violencia estrutural e represiva por parte do estado español, non sempre lexítima… Todo isto fai que o novelista se interrogue nas páxinas finais verbo da indiferenza e pasividade mantida pola sociedade vasca diante de tanta violencia e tantas mortes. Porén, o mesmo Kirmen Uribe declara que no son equiparables a ETA de 1960 e a de 2010. As vítimas de ETA foron sempre asasinatos, mais cómpre estar naquelas circunstancia e aclarar o que aconteceu e as súas causas.

 

Kirmen Uribe

Hai dúas formas de ler esta novela, formas antagónicas, sen dúbida: desde o nacionalismo vasco ou desde o nacionalismo español. Apoloxía do independentismo para a segunda, ou recuperación da memoria histórica de personaxes esquecidos e afirmación da vontade inquebrantable de liberdade do pobo vasco, para a primeira. Ningunha delas coincide coa necesaria reconciliación, tras recuperar a historia do que pasou. ¿Coincide unha novela que pretende ser un xuízo aos verdugos do franquismo? “O que os tribunais non foron capaces de facer, pódeo facer un historiador ou un novelista”, declaraba hai pouco Kirmen Uribe. Mais tamén será necesario, engadía, recoñecer o sufrimento do outro, de todas as vítimas.

O gusto do autor por escribir novelas sobre o que non se sabe, obrigoulle a documentarse de forma moi completa. E desa investigación naceu esta novela, que non só narra as duras vicisitudes dos protagonistas, senón tamén as súas conexións con personaxes históricos como o lendakari Aguirre, o presidente Roosvelt, o vicepredidente Wallace, Manu Sota, Hemingway…E reflicte sobre todo unha parte moi descoñecida da posguerra, como foron os anos corenta e  cincuenta, os movementos antifranquistas, as transformacións sociais e políticas desde os anos vinte ata a Segunda Guerra Mundial, a decisión dalgúns mozos de optar pola violencia e a súa decepción posterior. Todo isto situado no contexto da historia vasca durante o século XX.

Unha historia de perdedores, se ben a definitiva derrota de Txomín Letamendi non o foi porque a causa pola que el e outros moitos heroes descoñecidos loitaron (a liberdade do pobo vasco, a democracia o antifranquismo) acabou ganando. Quizais por iso Kirmen Uribe novela, non a historia de personaxes famosos como o lendakari Aguirre, senón a de persoas esquecidas, descoñecidas, soñadoras, heroes anónimos que nunca, ou só á hora da morte, cederon á desesperanza.

A hora de espertarmos xuntos é unha historia real, ben articulada e verosímil, á que a ficción retoca proporcionándolle, sen alterar os feitos, o contexto, os diálogos, as escenas, e organizando a historia seguindo procedementos ficcionais, baseándose, xa que logo, nunha estrutura novelística. Escrita en terceira persoa buscando así un maior distanciamento, con algunhas intervencións en primeira e fuxindo de calquera lucimento estilístico. Texto non-ficción, espido e sen efectismos, pero escrito con grande vitalidade narrativa que se serve de eficaces recursos ficcioanis para contar feitos reais e recatar do baúl  dos esquecementos as figuras que teñen creado a Historia.

Source: NOVENOITES

2017-09-29T20:28:00+00:00 29 / 09 / 2017|Novenoites|