PAZ RAÑA ENGAIOLA AO FALAR DE "NATURA", UNHA NOVELA VANGARDISTA DE IOLANDA ZÚÑIGA

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/PAZ RAÑA ENGAIOLA AO FALAR DE "NATURA", UNHA NOVELA VANGARDISTA DE IOLANDA ZÚÑIGA

PAZ RAÑA ENGAIOLA AO FALAR DE "NATURA", UNHA NOVELA VANGARDISTA DE IOLANDA ZÚÑIGA

De esquerda a dereita, Malores Villanueva, Iolanda Zúñiga e Paz Raña

     Como non podía ser doutro xeito, a presentación de Natura, de Iolanda Zúñiga, na librería Librouro foi unha delicia. Nela respirouse agarimo, tanto no público coma na mesa. Malores Villanueva, Paz Raña e a autora propiciaron unha velada entrañable na que se falou de literatura dun xeito fondo e, ao tempo, asequible a todos os que amamos a boa literatura. Sen contidos rimbombantes, os que alí estivemos valoramos a calidade literaria dunha novela vangardista, demoledora e que, sen desbotar o poético, esixe un lectorado atento para desfrutar dunha obra excepcional.

     Dito isto, quedamos impresionados pola presentación que de Natura fixo Paz Raña. Leu un texto acaído ao que a narración esixe: profundidade, amenidade e intelixencia. Unha marabilla de prosa que nos engaiolou por completo. Tanto que, rematado o acto, lle pedín a posibilidade de publicalo en Versos e aloumiños. Paz, sempre xenerosa, accedeu encantada e nós, xa que logo, moito máis.
     Tédelo aquí para que gocedes da palabra ben empregada e sirva para animarvos a ler a novela de Iolanda Zúñiga, para min, sen dúbida, unha das voces máis interesantes da narrativa galega actual.

Paz Raña. (Foto de Veli Rodríguez)


                                           ELOXIO  DA (DES)ESPERANZA

                                                                                   
                                                                 Reflexións sobre Natura de Iolanda Zúñiga
                                                                                                                                                    Paz Raña Lama
Hai na literatura moitas odiseas. No anverso das fuxidas hai viaxes que discurren polas escarpadas rutas da seda ou polas aventuras dos diarios do capitán Cook. É no reverso onde se atopa a beleza das traxedias que camiñan a carón da estrada como a de Corman McCarthy que parece conducir ao corazón das tebras de Conrad.

     Poucas odiseas hai tan dramáticas que convoquen a desolación cunha linguaxe tan fermosa, cunha cretaividade superposta á intelixencia vertebradora de Iolanda, cunha tenrura e un amor desmedido polos desposuídos de toda esperanza. Tan fermosa e tan cinematográfica. Ao mesmo tempo que devoraba a novela de corrido, visualizaba sucesivas imaxes a un ritmo de 24 por segundo co mesmo ton desolador e adictivo. Luz sombría.
     A caligrafía deste libro é diferente, áxil, perturbadora e, sobre todo, hipnótica.
“Unha lingua de esparto varreu o mundo”. Así comeza o libro, unha viaxe de supervivencia, de iniciación e busca de futuro que a autora maxistral e milimetricamente deseñou en 10 capítulos correlativos a 10 mandamentos, dun xeito valente e revolucionario.

     Por que ler esta novela?

     A sedución irreprimible, a elevada fascinación que sobre nós inflixe o terrible,  malia aventurarnos por adiantado a máis abrumadora das experiencias, conleva o noso requerimento continuo de respostas dada á incontable posesión de medos irracionais, a evocación dos máis horribles fantasmas da nosa realidade ou da nosa imaxinación.

     Desde a primeira páxina a lectora faise  preguntas desasosegantes, intuíbles dada a condición das protagonistas. Pode imaxinar un futuro apocalíptico e que segundo avanza a novela golpea no ánimo, cada vez máis sombrío. E a tensión avanza … e avanza… e medra.
E descobre, abundando na descrición precisa de feitos e situacións, a barbarie inhumana dese mundo. 

     Sendo o peor, coma sempre, tanto o que se conta como o que non.

   –É unha novela moral cun enfoque ecolóxico. Posúe un manto ético que ilumina o horror
Na brutal busca da supervivencia emerxe o peor do ser humano capaz das maiores atrocidades. Ao caer prisioneiro no último escalafón da estrutura dun estado totalitario, en condicións extremas e cun panorama existencial carente de futuro. Ata onde se pode chegar o desespero?
O ser humano é bo por natureza? Ou é un lobo para o outro? Aquí tería lugar un dilema perspectivista que está no ar para leas filosóficas.

     O libro provoca unha tremenda reflexión. Un enfoque distópico que posúe un carácter anticipativo. Atrévome a pensar que probablemente nos agarde algo similar se non reaccionamos como cidadanía perante o expolio e o asasinato que lle están/estamos a inflixir ao noso planeta. Se non respondemos ao abuso fraticida dos colosos que nos abafan económica e socialmente.

     —É unha novela de mulleres
As protagonistas son mulleres, mulleres mozas que teñen a obriga de ser úteros portadores de vida.
As mulleres non deseñan, non constrúen e non manteñen a estrutura xerárquico-patriarcal de Natura. O edén, o paraíso enganosamente prometido.

     —É unha novela de vangarda

Apenas sen diálogos, alerta sobre os discursos salvadores bañados nun verniz fundamentalmente relixioso dos sentinelas que salvagardan o conservadurismo en sociedades brutalmente desiguais.
Sorprende a descrición minuciosa que fai Iolanda do abuso que empregan os Gardiáns, mediante medicación e forza paramilitar, para escravizar as elixidas e elixidos, aos excluídos:

>Eliminación dos recordos, invalidar as biografías como medio de evitar a nostalxia. Crear unha sociedade de seres anónimos.
>Privación da noción de tempo. Sensación de vagar nunha burbulla temporal.
>Supresión dos afectos. Conseguir unha sociedade de autómatas. Conxelar de todo desexo e esperanza.
>Abolición de socialización e linguaxe.
>Inoculación da idea dun falso futuro, crear ilusións  fatais que conduzan máis adianteao desencanto total, a anhedonia mortal.

     No proceso de uniformización, máis ben de domesticación, as mulleres seleccionadas para entrar en Natura levan un hábito gris, un chip identificatorio e… son rapadas. Como un Drama en 3 actos para anular a súa identidade: 1. No hábito. Acusado acromatismo, desdebuxar a diferencia. 2. No chip. 
     Control absoluto, saber en cada instante onde se atopa, hiperlocalizala. 3. Na rapa. Destrución da autoimaxe. A humillación como arma de dominación.

     Ten esta novela unha alusión de rebeldía contra a situación lingüística do país, o número do nicho onde a protagonista sen nome descansa é 26.945, o número de falantes galegos que perde Galicia cada ano. É o libro unha parábola sobre o futuro da lingua galega?
Hai tamén un aire de morte, unha idea de caducidade na mentira á que son sometidas as mulleres de Natura. Unha idea despiadada para un propósito irracional: instaladas nun nicho hexagonal onde transitarán ata seren fecundadas e onde aniña con saña a desesperanza, a idea de insignificancia para sobrevivir e rebelarse.

     Hai golpes de sorte que provocan certo alivio na lectora, espellismos sutís, nace unha nena… e non obstante volve outra vez a subsistencia da sociedade baldía que xa non pode xerar máis vida.
Un nihilismo fatalista que dá paso á esperanza, á razón para buscar o camiño salvador. Un choque emocional. Unha ferida. Frases memorables que se len unha e outra vez. Unha invitación coa mellor das literaturas a imaxinar o peor da sociedade e o mellor do individuo.
Se debaixo do asfalto está a praia, en Natura debaixo da crueza non hai máis ca crueza.
Non hai tregua, nin nada ao que agarrarse. Ai! Salvo esa filla e ese compañeiro. A presenza da nena en semellante escenario contribúe á sensación de pesadume e desasosego. A emoción que despregan as súas preguntas racha a alma.  E coa alma rota sigo lendo e quedo sen esperanza e sen alento, coma os personaxes.

     E por fin a protagonista pasa polo gólgota de mirar dentro de si mesma e descubrir o oco lóbrego que conduce á extenuación, e a extenuación conduce á tolemia, ou non,transporta á lucidez aplastante que lle impulsa a tomar a decisión máis importante da súa vida, facerse dona do seu propio destino e do destino dos seres agora inanes que lle deron a enerxía e a fortaleza que só o amor pode proporcionar.

     E queda unha fírgoa en suspenso na porta que leva á saída final. E eu leo nesa fenda un esperanzador continuará.

Source: Versos e Aloumiños

2019-02-18T15:50:00+00:00 18 / 02 / 2019|Versos e aloumiños|