"PASANDO AS FOLLAS DO TEMPO", UNHA BIOGRAFÍA POÉTICA QUE ISPE SENTIMENTOS

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/"PASANDO AS FOLLAS DO TEMPO", UNHA BIOGRAFÍA POÉTICA QUE ISPE SENTIMENTOS

"PASANDO AS FOLLAS DO TEMPO", UNHA BIOGRAFÍA POÉTICA QUE ISPE SENTIMENTOS

Os que nacemos en pleno franquismo non o tivemos doado. Todo, todo era mentira. Cada palabra, cada imaxe, cada discurso, cada lección estaban baseados no engano constante.
     Agachábannos a dignidade de ser persoas, mentían sobre a realidade que nos rodeaba, borraban a historia dun pobo, manipulaban os acontecementos históricos ata o infinito.
     Moitos de nós tivemos que aprender a vivir doutra maneira. En silencio, con medo, baixo ameazas sutís de quen nos rodeaba. “No te signifiques”, dicía o meu pai, mentres loaba a figura do ditador.
     Eu tiven que rachar cadeas, afastar demos, manter contradicións, sentir en silencio, inventar apagados  berros de impotencia, chorar escondido, destruír falacias. E non me resultou fácil.
 

Paco Ibáñez

    Daquela, nun momento clave da miña vida, apareceu Paco Ibáñez e con el, a poesía. A ela agarreime con forza e ilusión. Algo estaba a prender en min e sentino ben dentro. A poesía deulle sentido á miña vida. E tras lecturas variadas, e cun gran proveito, sentín a chamada dos versos. Comecei a ver o mundo doutro xeito. As palabras provocáronme un sentido da responsabilidade especial e recuperei tanto soño roto.
      


No ano 1987, tras unha longa aprendizaxe, iniciei a miña carreira poética. Un itinerario  tan necesario como honesto. Parolando coa vixencia foi o meu primeiro título poético para adultos. Coplas, Nenos e Aloumiños, os primeiros pensando na rapazada. Nunca deixei de escribir.

     Hoxe  en día, son feliz. A poesía (e mais a música) deron cor e ilusión á miña vida. Sentín que as sendas percorridas alimentaron o meu espírito.
     Reunir case toda a miña poesía nun volume foi un soño íntimo que tiven dende hai ben tempo. Hai uns meses fíxose realidade. Belagua, coa incrible Edurne Baines á fronte, publicou este vello anhelo. Coa colaboración de Alba Piñeiro, Susi Fernández e Juan Carlos Martín Ramos (antólogos), ademais de Xulio Gª Rivas coas súas pinturas, naceu Pasando as follas do tempo.  O título é ben claro: esas follas son as follas da miña vida. Cos meus soños perdidos, coas feridas na pel, cos sentimentos afogados, co amor e o desexo, coa esperanza dun mundo mellor, coas persoas que tallaron a miña existencia, este poemario, que abrangue trinta anos de escrita, é o fiel reflexo, tatuado no corazón, dunha vida chea de vida.  É unha radiografía de sentimentos escritos na néboa. É a afirmación dun ser humano que, a través da palabra poética, precisa o aire para respirar agora que os anos van pasando e xa non hai retorno.
 

Antonio Gª Teijeiro (Foto de Ricardo Grobas)

     Amo a poesía honesta, directa, sen artificios.
     Amo a palabra poética que acariña, que critica, que sinala, que emociona, que foxe da impostura.
      Amo as persoas que non viven das aparencias, que son auténticas, que saborean  o líquido da harmonía, que beben os ventos da amizade.
     E así naceu este poemario, poemas que percorren espazos creados para compartir.
     Podedes entrar neles e convídovos a sentir á miña beira.

Source: Versos e Aloumiños

2019-04-30T18:58:00+00:00 30 / 04 / 2019|Versos e aloumiños|