Pasadas as Letras

Pasadas as Letras

Pasado Día das Letras Galegas dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a situación da lingua galega e a xornada do 17 de maio:

Víctor Freixanes na súa intervención no Club Faro de Vigo con motivo da homenaxe ao etnógrafo e profesor Antonio Fraguas afirmou que «o Día das Letras Galegas foi o grande invento da cultura galega do século XX». O actual presidente da Real Academia Galega salientaba así o carácter de celebración e de reivindicación do valor da lingua e da cultura galegas, con especial atención ao libro en galego que os promotores da iniciativa, os académicos Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, quixeron imprimir a aquel primeiro 17 de maio no que se conmemoraba o centenario da publicación de «Cantares Gallegos» de Rosalía de Castro na imprenta de Xoán Compañel da viguesa rúa Real.

Celebración e reivindicación que ao longo destas 57 edicións se mesturaron dependendo do contexto sociopolítico –dende os difíciles anos do Franquismo e Tardofranquismo, pasando polos de entusiasmo da Transición e fundación da Autonomía, até os actuais do conformismo feijoista– e do interese que achegaron as traxectorias biográficas e literarias das figuras galeguistas escollidas (apenas catro mulleres), dende as iniciais tiradas da escala de galegos ilustres (Rosalía, Castelao, Curros, Pondal) até as actuais, elixidas polas preferencias máis ou menos xustificadas, da maioría de académicos. Un resultado que comeza a amosar síntomas de preocupante desinterese para parte significativa da nosa sociedade, que considera o 17 de maio apenas como un día festivo no calendario laboral, mais que ven saíndo adiante con certo decoro grazas ao compromiso do profesorado de Primaria que a pesar das dificultades converte aos centros educativos nos espazos de privilexio desta efeméride transformada alí en «Semana das Letras Galegas».

Unha celebración institucional, sexa o acto político organizado pola Xunta de Galicia como a sesión solemne da Academia Galega, que a pesar da pegada moral de activistas resistentes do exilio interior, como é o caso de Antonio Fraguas, a figura desta edición, semella caeu na rutina dunha retórica e dun protocolo galeguistas incapaces de conectar coa maioría da nosa sociedade civil. Outrosí sucede coa propia mobilización en defensa da lingua galega convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, este ano de forma simultánea en varias cidades galegas, que a pesar da pertinencia das súas consignas xa non recolle os apoios transversais nin o entusiasmo que suscitara hai unha década coas protestas do sinistro decreto de pluriligüismo. Como teñen escasa transcendencia outros xestos fixados por esta tradición moderna como as portadas en galego dos diarios impresos ou a saída nalgunhas cidades das librarías a rúa presentando as novidades editoriais máis recentes na nosa lingua. Semella que en todos estes casos dunha ou doutra maneira o virus do conformismo paraliza o entusiasmo dunha sociedade afectada dunha preocupante falta de autoestima sobre o valor do seu idioma milenario, unha anemia colectiva cuxa manifestación máis preocupante é a ruptura da cadea de transmisión do galego como lingua da identidade familiar.

Unha lingua que vive un proceso imparable de substitución lingüística polo castelán, fenómeno agravado nas cidades onde é moi difícil atopar a crianzas que teñan o galego pola súa lingua de instalación ou sequera sexan capaces de pronunciar de forma espontánea algunhas frases correctas no noso idioma, coma se se tratase dunha lingua estranxeira, a pesar da súa presenza no currículum obrigatorio. O galego padece unha hemorrraxia de transmisión que de non ser atallada de inmediato ameaza a súa propia supervivencia, mesmo a pesar do incremento significativo do seu acervo literario e editorial (máis de trinta mil títulos) ou da súa presenza destacada en Internet. Nesta última década o galego acentuou o seu proceso de devalo, padece unha doenza gravísima que debería ser considerada un tema de estado para todas as administracións e cidadanía.

Neste contexto crítico celebrar as mil primaveras para a lingua galega, afoutar o futuro do galego debería ser a razón da celebración do Día das Letras Galegas, tamén, a nosa primeira festa laica nacional, na medida que o 25 de xullo se comparte coa festividade relixiosa do apóstolo. Razón de ser pola que a organización da efeméride debe ser repensada por todas as instancias, dende a propia Academia Galega, sobre todo nunha escolla máis xenerosa das figuras homenaxeadas como no seu protocolo, pasando polas iniciativas promovidas polas administracións, empresas e entidades cívicas, obrigadas a situar o futuro da lingua no centro do seu interese. Repensar colectivamente o futuro do Día das Letras Galegas coa intención de enxergar un futuro para o noso idioma, esa é a tarefa que nos convoca.

Source: BrétemasBrétemas

2019-05-22T15:50:44+00:00 22 / 05 / 2019|Brétemas|