Para que eu beba, de Luís Valle

Para que eu beba, de Luís Valle

Luís Valle

Para que eu beba

Barbantesa, Cangas do Morrazo, 88 páxinas, 12 €, 2017.

 

“Tirado polo  chan, bebo o día,  e o padal resulta para sempre  unha esponxa seca de razóns”, escribe Luís Valle neste conmovedor libro e, dalgún xeito, estes versos explican talvez o seu título. Non é doado elaborar un libro de poemas inspirado na ausencia do pai, nin tampouco nese memorial que esencializa o proceso que se dá con anterioridade á falta e os ocos e baleiros que esta deixa.

E non é doado facelo coa brillantez literaria que aquí se exhíbe. O autor conségueo outorgándolle aos poemas un inevitable ton elexíaco que constrúe unha sorte de devocionario laico e emocionante, articulado a través de versos curtos, dominados pola contención e case diría que o respecto,  segmentados asemade coma se fosen laios axustados a un formato esixente. Todos eles agroman dunha dor desbordante: fálase de “poemas-menhir” e non me parece nada desacertado pois velaquí as pedras feitas con palabras e chantadas na terra para evocar as cerimonias funerarias onde o silencio que acompaña ao poema tamén cobra un significado especial. Acode á memoria o autor, claro é, para sometela a un esforzado proceso de estilización, esprémea para domeala nun proceso mediante o que consegue que a angustia, a dor e o sufrimento se convirtan, da man de tantas imaxes visionarias, en algo tanxible que se apalpa coas mans, que talvez só se supera, se se pode, coa palabra. Nesa encrucillada cómpre talvez situar este gran libro, coido que relevante na traxectoria do escritor lucense.

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Poesía Tagged: Barbantesa, Luís Valle, Para que eu beba
Source: Caderno da crítica

2017-12-04T10:07:50+00:00 04 / 12 / 2017|Caderno da crítica|