PAPEIS RECOBRADOS (15) "Poesía infantil"

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/PAPEIS RECOBRADOS (15) "Poesía infantil"

PAPEIS RECOBRADOS (15) "Poesía infantil"

                               Foto de Anxo Cabada


Cando me concederon o Premio Nacional de LIX en outubro de 2017, non deixei de reiterar o meu desexo de que este galardón servise para que a poesía escrita pensando nos nenos e nenas estivese máis presente nos fogares e nas casas. E seguirei cantando esta mesma canción día a día, porque non é nada doado acadar este obxectivo.

     De aí que quixese recuperar a columna que escribira hai tempo n “A Nosa Terra” sobre a necesidade de abrir poemarios infantís sen medos nin prexuízos. Temo que este asunto non ten unha solución inmediata pero seguiremos insistindo para paliar esta eiva nunha sociedade que dá as costas demasiadas veces á expresión dos sentimentos.
                                        
                                            


                                        POESÍA  INFANTIL
                                                                          


                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Poesía infantil, poesía para nenos, poesía…Que máis dá! Cuestións de terminoloxía. O máis importante é falar de poesía.

     Para moitos, a poesía é a expresión da beleza por medio da palabra. A beleza e o compromiso, os sentimentos, a necesidade dos silencios nos versos, as dobres lecturas, a conciencia do individual  e mais do colectivo, entre tantas cousas.
     Cando falamos de poesía infantil, debemos ter en conta que non é unha poesía feita con diminutivos, como ben  afirma Pedro Cerrillo, nin unha poesía escrita cunha linguaxe melindreira, adozada, superficial, fácil.
     

Pedro Cerrillo

     A poesía infantil é sinxelamente poesía escrita para que gocen uns lectores en proceso de desenvolvemento físico e intelectual, con capacidade evidente para ir chegando a poemas máis complexos que non deixen de emocionalos co paso do tempo. Pero non é un subxénero nin algo menor. A poesía infantil, como poesía que é, amosa os mundos subxectivos de cadaquén, cos seus ritmos propios, coa utilización intelixente de recursos estilísticos ricos e variados, ademais de ter, moitas veces,un compoñente lúdico, musical, humorístico e, mesmo, surrealista. Na poesía infantil innóvase. Os poetas rachan moldes, respectan os seus lectores e son conscientes da importancia dos versos.
Blanca-Ana Roig

     
     Encántame esa clasificación de Blanca-Ana Roig ao referirse á poesía para os cativos. Ela  di que “poesía é xogo, poesía é música, poesía é conto, poesía é maxia”. Moi atinada a definición, sobre todo se a palabra maxia contén agarimo, sorpresa, afecto e gusto pola palabra ben empregada. Iso e moito máis  é a poesía infantil.

     
     Abramos os poemarios sen complexos, por favor.


Source: Versos e Aloumiños

2018-01-11T13:31:00+00:00 11 / 01 / 2018|Versos e aloumiños|