PAPEIS RECOBRADOS (14) "Ler para contaxiar e escribir"

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/PAPEIS RECOBRADOS (14) "Ler para contaxiar e escribir"

PAPEIS RECOBRADOS (14) "Ler para contaxiar e escribir"

    Fotografía de Anxo Cabada

Agora, que comeza un novo curso, recupero un texto publicado en A Nosa Terra para seguir insistindo na necesidade de que os mediadores e mediadoras  busquen razón claras para que o seu alumnado lea poesía: “Ler para  contaxiar e escribir”.

     Os rapaces e rapazas gustan da poesía. É máis, precísana sen sabelo. Cando a atopan caen baixo o influxo da súa maxia. Ábrense e escriben dende dentro. Pero hai un problema: fáltanlles lecturas. É aí, onde os docentes xogan un papel fundamental. Teñen que levalos á poesía de calidade para que aprendan algunhas das ferramentas fundamentais para artellar o mellor posible os seus poemas. 


     Tampouco se lles debe deixar orfos neste aspecto. Para iso, claro, o profesorado ten que poñerse ao día, coñecer poetas, lelos, escoller versos axeitados, entrar neles etc. para achegarlles o que necesitan. Non é unha tarefa doada, pero con convicción e consciencia do labor a desenvolver acádanse resultados impensables.

     
     Dende o meu estado de mestre xubilado, animo con estas liñas a mestres e mestras a que poñan preto do seu alumnado a motivación precisa para que lean, escriban e sintan o poder da palabra poética.





                                    LER PARA CONTAXIAR E ESCRIBIR
                                            
                                                                     
                                                                                                                       
                                                                                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

Malia que moitos pensen que insisto demasiado, cada día que pasa reforzo a miña opinión de que hai unha verdade, para min, indiscutible: non se pode ser un bo mediador ou mediadora sen un hábito lector moi definido. E engado: non se pode escribir ben, a ningún nivel, sen lecturas axeitadas que permitan acadar / coñecer / descubrir referencias que guíen a quen escribe ata dar co camiño de seu. Isto, nos rapaces e rapazas que senten a necesidade da escrita (que conste que os hai) resulta moi evidente.

     Porque, provocada ou non, hai moitos que precisan expresar o que lles preocupa. E expresan sentimentos e sensacións do máis variado, sendo unha constante, iso si, o feito amoroso. Les os seus escritos e ábrense dunha maneira case sorprendente. Pero notas, axiña, que lles faltan lecturas detrás  para escribiren cunha certa intención literaria. Póñeslles preto uns libros escollidos, achégaslles uns poemas suxestivos, dáslles unhas pautas claras e o seu labor poético mellora unha barbaridade. Comezan a entender que é literatura, que é a poesía e os seus trazos específicos e amplos, como poden expresar eses sentimentos dun xeito orixinal, incisivo, preciso e, mesmo, precioso.
     


     De aí que intente que os meus alumnos e alumnas se interesen polos clásicos da poesía galega. Primeiro, por suposto, cando son pequenos, poemas próximos á súa idade que se baseen na calidade e no respecto a eles como lectores. Coñecen, despois, mostras básicas de Rosalía. Imprescindible. E outras de Curros, Celso Emilio, Pimentel, Amado Carballo, os Álvarez Blázquez, Iglesia Alvariño, Manuel Antonio, Méndez Ferrín, Novoneyra, Manuel María, Xohana Torres etc. Destes poetas, hai versos que lles van abrir canles para un mellor coñecemento dos procedementos específicos da poesía. Canles polas que van camiñar na procura de novos horizontes.

     Paso, despois, por nomes como Pepe Cáccamo, Ramiro Fonte, Baixeras, Román Raña, Eva Veiga, Ana Romaní, Fernán-Vello … que comezan a estar máis preto deles.
     


     E chega un punto, no que lles presento poemas doutros poetas, talvez máis novos que, dende unha óptica diferente, son quen de levar a expresión poética por camiños diferentes que, en moitos casos, permiten identificar os rapaces e rapazas coas súas propostas. Daquela, camiñan polo poema curiosos e cómplices co que están a ler. Senten que hai posibilidades distintas para desenvolver. Ábrenselles novas vías para percorreren na busca da luz que alume os seus escritos. A néboa da confusión semella esvaecer grazas ás palabras, ás mensaxes que descobren e latexa  neles a necesidade de coñecer mellor o mundo no que viven. A néboa da confusión, que tantas veces cegou horizontes soñados, semella fuxir para que se sintan acariñados polas mans das palabras convertidas en versos. Eles mesmos comezan a coñecerse mellor.

     É o momento no que converxen aqueles poemas primeiros de cando eran cativos cos clásicos que centran a poesía no mapa persoal de cadaquén xunto aos máis novos que están na órbita máis próxima a eles. Para todo isto, mediadores e mediadoras, a lectura faise imprescindible. Temos a obriga de ler, de escoller textos engaiolantes, de ir acadando unha cultura literaria o máis ampla posible que nos permita crear un espazo común no que marquemos algúns sinais fondos para que o noso alumnado camiñe con seguridade polos vieiros da literatura.



     E gústame afirmar que os rapaces e rapazas non permanecen impasibles se os contaxias,  deixando para mellor ocasión academicismos inútiles, co teu entusiasmo poético, con versos coma estes de Ledicia Costas: Para que vou pintar os labios de vermello / se sempre me acabas comendo / o carmín / e a gramática? ou estoutros de Lucía Aldao: Cóntame o que me gusta / ou arrepíntete de entrar dese xeito pola noite / e crer que eu estaba durmida. E motívaos versos coma os de Raúl G. Pato: Quérote como a miña avoa / facía as filloas, / fariñosamente / e co sangue da derrota. Pequenos e intensos poemas de Lupe Gómez: Ninguén / me prohibirá nunca / estar soa., ou estoutro de Olga Novo: Esta será na morte / a miña última palabra: / quen me dera ser gata / para vivirte sete veces.

     


     E vendo como se emocionan os mozos e mozas, como se deciden a escribir poemas dende estas suxestións, non dubido en achegarme, para agasallárllelos, a versos de Marta Dacosta (Ósos de muller / ósos que encolleron na humidade do inverno, / de todos os invernos / que anegaron o século), de Emma Couceiro (Se apreto os ollos / as manchas de humidade / que hai no teito / semellan caracois / sen cuncha.), de Antía Otero (De nena / asexaba mareas dende a fiestra. /Hoxe / plantaron eucaliptos.), de Kiko Neves (O que máis me gusta da poesía. / Os silencios) ou de Fran Alonso(Ás veces poalla sobre o mar / como poallan os anos sobre nós.) entre tanta xente , sen clasificar a ninguén en xeracións definidas.

     
     Momentos lúcidos diante das palabras feitas verso. Ganas de espirse sen complexos cando se apoian nuns poemas que senten próximos, algúns, case, como se formasen parte deles. E, sen nos decatar, imos creando unha radiografía de sentimentos poéticos que excede os lindeiros da razón. Os resultados, motivadores, permítennos seguir escaravellando na ferida das necesidades líricas.Vexo entusiasmado nos andeis da miña biblioteca poemarios de Estevo Creus, Rafa e Miro Villar, María do Cebreiro, Carlos Negro, Yolanda Castaño…e danme ganas de mergullarme neles, unha vez máis, para dar con novos versos que provoquen intensidades poéticas. Unha verdadeira razón da existencia da poesía. 

Source: Versos e Aloumiños

2017-09-11T12:20:00+00:00 11 / 09 / 2017|Versos e aloumiños|