Os xuramentos dos falantes de galego

Inicio/INFORMACIÓN/Noitábrega/Os xuramentos dos falantes de galego

Os xuramentos dos falantes de galego

Xa ao pouco de comezar os estudos de Filoloxía empezoume o gusto pola fraseoloxía (herdado de miña nai) e fun coleccionando xuramentos. Na fala popular era “moi de homes” meter un cagamento cada poucas palabras, así que poderiamos considerar “moi galego” este costume.

O curioso é que ao dicir “os palabróns” se metía moito castelán, como se a outra lingua rebaixase a dureza do cagamento e o fixese máis suave para o oído. Toda a xente empeza a fórmula con ”me cago en…” e non con “cágome en” como tería que ser en galego. E o castelán predomina tamén na segunda parte da frase. Parece que noutras comunidades (ou falantes) bilingües tamén se dá este fenómeno. Vexamos.

O cagamento máis habitual era “me cago en Dios”, así, todo en castelán (téñase tamén en conta que os nomes Deus, Virxe, Xesús… se dicían en castelán por influencia da liturxia). Un curioso pseudónimo rebaixado era “m. c. en diola”, ou “m. c. en diosma”. Un señor do Vilanova, moi relixioso e ben falado, repetía por calquera cousa ou persoa “m.c. en su dios” sen ser consciente do que dicía. Tamén é curioso como o converteron en santo “m.c. en San Dios”; “sandiós” repite o Bocas n´A esmorga de Blanco Amor. Ou aquel orixinal “m. c. en Dios se o hai e se non o hai perdeuse a cagada”. O máis logrado é quen xura sen xurar “m. c. en ningún Dios”. Mesmo hai xente que para recalcar algo axúntalle “rediós”.

Igualmente era moi abondoso o “m. c. na Virgen”, case en castelán. Algún converteuno en “m. c. na virginilla”, outro en “m. c. na media Virgen”. Non faltaba quen dixese “m. c. en Cristo”, ben disimulado en “m. c. en crisna”. Outros medio ocultaban a palabrota cambiando o verbo “m. caso en Cristo”, que un de Carballedo dicía “me caso con Cristo”. O mesmo ceo pode ser obxecto de xuramento “m. c. en el cielo divino”, que algúns emigrantes converteron en “m. c. en el cielo cubano”.

O “señor pobo” é moi creativo e non faltaban falantes que creaban xuramentos orixinais que lles daban certa personalidade na comunidade. O Pepe de Sandiás “m. c. na Santa Sede” -el pensaba na de beber, non no Vaticano, claro-. O Primitivo da Cervela, “m. c. na Biblia”. Xa non digamos o Benediuto de Pedroso cando estaba moi alporizado “m. c. en Dios, en la Virgen y en todos los santos del cielo, e 50 km arredor por se algún saliu de paseo”; un cagamento ben completo e en castrapo.

Hai varias versións do conto no que o Sr. Paco de Portomaior, no día do Carme, despois de xantar e mentres trasfegaban unhas copas de augardente de herbas lle escoitou ao seu cuñado Suso “xa estou farto de tanta misa e procesión do Carmen”… O Sr. Paco sacou a pucha, púxose de pé e estirando o dedo índice da man dereita berrou: “m. c. en Dios y en su p.. m…, Suso, coa Virgen do Carmen, coidadito, non ma toques, que para min é sagrada”.

A xente xuraba co nome da Virxe ou de Deus, mais raramente con santos concretos. Imaxinemos que alguén de Trasar de Carballo se cagase na Virxe do Faro ou no San Pegerto de Buciños! Seguro que o corrían a paus. É que Deus ou a Virxe son seres celestiais e inconcretos, mentres que a Virxe do Faro e o San Pegerto son moi próximos, coñecidos e avogosos. As excepcións serían o citado “sandiós” ou o “m. c. en todos os santos” así, sen concretar. Un amigo faloume de “m. c. en San Patrás” ou “m. c. nas zapatillas de San Antonio”, que non lle faltan ao respecto a ningún ser celestial. O mesmo que este “m. c. nos patucos do niño Jesús”. De Ourense tiña que ser o inventor de “m. c. nos santos todos metidos nun garrafón e o santo cristo de Ourense facendo de tapón”. Conta o meu amigo Modesto dun concurso de xuramentos que gañou “m. c. nos aparellos de dici-la misa”.

trasar-4-16-5

Trasar de Carballo, lugar de devotos á Virxe do Faro e o San Pegerto de Buciños

O que non debe ser xuramento, ao falar de demonios, é o “m. c. en Satanás”, o abundantísimo “m. c. no demo” ou “m. c. no demo maior”. Hai varios que rematan de xeito similar “m. c. na tos” –“m. c. na tos ferina”, “m. c. en sos”, “m. c. en Job” (serían eufemismos do “m. c. en di-ós”). Os máis suaves eran ben usados polas mulleres, “m. c. en Chus”, “m. c. na centella”, “m. c. na burra”. Miguel de Lira nas súas series repetía moito “Caghiná” e “m. c. na Marilús”. No Seminario de Lugo dos anos sesenta estaba moi prohibido “m. c. na Luna” porque se podía entender, seica, “m. c. na cona”.

E o mellor, o que di moita xente porque iso non é xurar, ao ser totalmente inconcreto, “me cago en tal”.

As palabrotas máis usadas na fala popular foron sempre “(m. c. na) cona” ou “(m. c. no) carallo!”. Enxebres de toda a vida; ademais do “m. c. na puta”, así en xeral. Ou engadindo: “a puta que te pariu, puta que te fixo, a cona que te botou, o carallo que te fixo”. Non sei moi ben que quería dicir o Sr. Manuel co seu “m. c. na cona inversa”. Hai quen se empeña en traducir o castelán “joder” ou “m. c. en la leche” por “foder” ou “m. c. no leite”. Soan ridículos, aquí sempre se dixo: hostia, carallo –disimulado en carano, carai, caramba, carape-. A señora María cando se enfadaba moito “m. c. no coño negro”, e o seu home “m. c. no cono”.

E para rematar, un poético “m. c. na noite” que o Sr. Olimpio cando se enfadaba convertía en “m. c. en la noche escura, rediós

Anxo González Guerra

 


Source: noitabrega.com

2017-05-19T09:25:16+00:00 13 / 02 / 2017|Noitábrega|