OS MILTEMPOS DA LABRANZA

OS MILTEMPOS DA LABRANZA

Miltempos

(No inmemorial, na labranza)

Emilio Araúxo

Editorial Toxosoutos, Noia, 2017, 278 páxinas.

 

Tense afirmado que Emilio Araúxo é un escritor contraditorio. Unha aseveración que non me cadra agás nun feito: Emilio Araúxo é á vez prolífico e ao mesmo tempo moi discreto. En efecto, Emilio Araúxo leva creada unha extensa obra artística en moitos eidos da cultura de noso: poeta, narrador, editor, tradutor, etnógrafo, mitógrafo e un eximio fotógrafo que ten inmortalizado fitos moi importante da cultura e das formas tradicionais da vida galega:o entroido galego e ese microcosmos, ou se cadra macrocosmos ao menos en tempos pretéritos, da nosa labranza. Grazas ás imaxes tiradas con infinita paciencia e perseveranza por Emilio Araúxo, podemos revivir, e mesmo comungar, cos aveños, coas ferramentas coas que os nosos devanceiros rachaban a terra para arrincarlle os froitos de tantos suores e de cadrís fendidos. E sobre todo, recupera, a través das imaxes, os verdadeiros suxeitos dunha forma de vida hoxe en extinción. Mais todo iso faino Emilio Araúxo desde o silencio e o recanto da discreción.

Un dos seus últimos libros é este Miltempos, afirmación inmemorial da labranza. Con limiares de Philippe Beck, Natacha Michel, Claude Royet-Journoud e James Sacré, as fotografías de Emilio Araúxo transfórmanse  en relatos nos que os verdadeiros protagonistas son esas mulleres e homes que resistiron e mantiveron a vida no campo galego. Máis de duascentas sesenta fotografías son o testemuño dese mundo hoxe esfarelado, destruído de vez ou a piques de estalo.  Entre eses relatos que Emilio Araúxo escribe soamente con imaxes, sen unha palabra, préstolle atención á vella muller do rural cuxa historia segue con nós nas fotografías de Emilio Araúxo.

Todo comeza cunha man. Unha man engurrada que sae da terra onde sempre estivo. As súas engurras son liñas de vida, “enrugas do labor”, como escribe Natacha Michel. A muller cunha grande fouce entre os castiñeiros, camiñando baixo o lampo dunha lúa chea; a anciá come o caldo desde o seu cazo, sácalle o fío a fouce, non é unha fouciña, é unha fouce grande, case de rozar. Un mangado de paus, de leña nos seus brazos, pero procura máis debaixo dun castiñeiro centenario. E a leña que racha a golpe de machada, ou cos xeonllos. Os guizos e a leña coa que prende o lume e quenta a pota de auga, non nunha bilbaina que tamén a ten quizais máis vella ca ela, senón nun trespés encima das pedras da cociña do seu casopo. Emprega unha forcada de ferro para amorear a herba seca porque a vella ten un burro ao que cómpre darlle de comer no inverno. Un caxato axúdalle a camiñar polo monte, ou se cadra pola súa leira rodeada de valados milenarios coas pedras medio derrubadas.

E cando se sente cansa, deitase ao pé do castiñeiro na compaña do can e do gato, ou encima da artesa.A muller, malia os seus moitos anos e as dores dos cadrís, aínda ten forza para gadañar, non en homenaxe  aos seu devanceiros galegos, senón urxida pola necesidade. E tamén para botar ao lombo o arado pre romano, e sucar a terra para sementar patacas que en setembro escollerá: as pequenas para os porcos, para o burro e a cadela, as grandes para alimentar a súa soidade.

Porque esta é unha historia fotográfica de negrura e soidade. A anciá viste de negro, un loito eterno, e as súas chancas tamén xa son negras. O can, o gato e o burro que son a súa familia, tamén son desa cor negra. Soamente é branco o cabelo da vella.

Un relato fotográfico dunha infinita soidade, o íntimo e desolado ermo no que teceron os fíos da súa vida labregos e labregas das nosas aldeas abandonadas, non no solpor dos anos corenta ou cincuenta, senón no ano 2010, como testemuña o calendario que tamén forma parte desta afirmación inmemorial da labranza que Emilio Araúxo inmortalizou para sempre nos seus negativos desta vella muller que aínda cava e engaza. Ela, derreada ou ergueita sobre un caxato, é un verdadeiro suxeito da nosa identidade.

(Fotografías por cortesía de Emilio Araúxo)

Source: NOVENOITES

2018-03-06T14:45:09+00:00 06 / 03 / 2018|Novenoites|