Os colexios de Darbo (Cangas), da Ponte do Porto (Camariñas) e de Bembibre (Val do Dubra) gañan o ‘Contádenos o voso Día das Letras’

Inicio/INFORMACIÓN/Letra en Obras/Os colexios de Darbo (Cangas), da Ponte do Porto (Camariñas) e de Bembibre (Val do Dubra) gañan o ‘Contádenos o voso Día das Letras’

Os colexios de Darbo (Cangas), da Ponte do Porto (Camariñas) e de Bembibre (Val do Dubra) gañan o ‘Contádenos o voso Día das Letras’

(Noticia vía portal educativo Botóns)

A terceira edición de Contádenos o voso Día das Letras xa ten gañadores. O concurso da Real Academia Galega dirixido aos centros educativos de infantil e primaria premiou os proxectos dos CEIP de San Roque de Darbo (Cangas) e da Ponte do Porto (Camariñas) e do CPI de Bembibre (Val do Dubra), tres iniciativas que achegaron de maneira activa e orixinal o universo vital e intelectual de Antonio Fraguas, protagonista do pasado Día das Letras Galegas 2019, a alumnos e alumnas de distintas idades.

Contádenos o voso Día das Letras forma parte do proxecto Primavera das Letras, co que a Real Academia Galega fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de material lúdico e didáctico arredor da vida e da obra da figura recoñecida cada 17 de maio. O concurso pretende dar a coñecer como celebrou o Día das Letras Galegas o alumnado de menor idade e premiar a implicación dos colexios na divulgación da lingua e a cultura galegas. Nesta terceira edición participaron máis de 80 centros educativos de toda Galicia con propostas moi variadas, todas elas recollidas na sección da web de Primavera das Letras da convocatoria.

O CEIP de San Roque de Darbo fíxose cun dos tres galardóns cunha regueifa sobre Antonio Fraguas construída coa contribución do alumnado cangués, que a interpreta nun vídeo que se pode ver nesta ligazón. Os nenos e nenas do CPI de Bembibre profundaron no perfil do intelectual homenaxeado pola RAG nunha obra de teatro e os do CEIP da Ponte do Porto, ademais de celebraren un festival, emularon as súas investigacións etnográficas e recolleron nun libro exemplos do patrimonio inmaterial da súa contorna.

A entrega dos premios, un lote de libros para cada centro, terá lugar o vindeiro mes de outubro na Real Academia Galega. Será nunha celebración na que, como en edicións anteriores, as tres comunidades escolares poderán presentar os seus traballos.

Source: Letra en Obras

2019-09-11T14:33:39+00:00 11 / 09 / 2019|Letra en Obras|