Os artificios creativos de Caxigueiro

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Os artificios creativos de Caxigueiro

Os artificios creativos de Caxigueiro

Achegámonos á exposición retrospectiva de Caxigueiro (2005-2019) no Museo Provincial de Lugo. A combinación sintáctica do título, ‘A métrica do ilusionismo’, acáelle e resume as preocupacións conceptuais do artista, a importancia que lle concede ás técnicas para transformar o imaxinario e ao control da medida estética, visual e incluso fonética da súa obra.

Como saben os que o coñecen, Caxigueiro xa intuía nos anos mozos que a obra xermola da necesidade de ser, de expresar ou reivindicar algo, antes de tomar corpo. Comprendeuno seguramente vendo xirar o torno artesán dos oleiros mindonienses e aquelas mans embarrañadas moldeando a terra arxilosa que, asegura, “era o máis parecido a unha sesión de maxia”.

Aos poucos, a concepción da peza orfa foille demandando un escenario, un marco de representación. Chegaron as instalacións nas que o espazo se transforma en atmosfera da idea. E ese é o primeiro impacto que percibe o visitante cando entra na sala do Museo Provincial, a atinada xestión do universo reservado a cada instalación e á montaxe enteira, un cosmos magnificamente harmonizado.

Un proceso creativo híbrido de xéneros (escultura, fotografía, poesía, filosofía) que pode nacer dun impulso pero que medra e se desenvolve como un ser vivo, que á súa vez se ve interferido polas circunstancias. Así, nese devir, a peza solta (en soidade), busca asociarse en instalacións cun obxectivo (socializarse), mesturarse e convivir con outras (volumes, formas, composicións) para comunicar, para ser, para estar e ocupar un lugar.

Non é casual o uso dun grande número de palabras impresas (que evocan e significan) en moitas das pezas expostas. Loxicamente, a palabra tamén está nas mostras poéticas (profunda, reveladora) e mesmo nas fotografías con linguaxe de seu. A palabra como argamasa que concilia e constrúe, verbo pensado, imaxinado, dito, escrito ou fotografado, ás veces invisible, sempre presente.

O Daniel Río Rubal ‘Caxigueiro’ que nos presenta esta mostra leva máis de catro décadas creando e expoñendo, dando acomodo ás súas imaxinacións e experimentando o que el chama a métrica do ilusionismo.

A súa obra non é só o que se pode ver na exposición ou nos catálogos. Quen se achegue ao seu laboratorio creativo, o Espazo Caritel en San Martiño de Mondoñedo (Foz), poderá comprobar que as súas propostas son produto dun esforzo constante por atopar a mellor maneira de dicir sen que as mañas do prestidixitador ensombrezan a realidade.

No Espazo Caritel habita un xardín botánico, unha instalación aparentemente espontánea da Natureza que Caxigueiro e familia alimentan desde hai trinta anos. Dependendo da época do ano, quen o visite poderá gozar co apoxeo floral de múltiples variedades de camelias, hortensias, fentos, arbustos e outras árbores, algunhas exóticas, que procuran alento e vida. Aínda así, saiban que é a intelixencia (ilusionismo) do artista que lle dá criterio e medida.

Lembren visitar a sala de exposicións do Museo Provincial antes do 25 de febreiro. Non se distraian!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 27 de xaneiro de 2020.

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2020-01-27T09:45:37+00:00 27 / 01 / 2020|Caderno de campo|