Onte 2030: Educación lenta en galego

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Brétemas/Onte 2030: Educación lenta en galego

Onte 2030: Educación lenta en galego

Pechei onte o primeiro curso da miña segunda vida como mestre. Vivino cun puntiño de emoción e saudade por abandonar o claustro do CEIP Lope de Vega, que me acolleu de forma tan profesional como agarimosa. Foi un curso de reciclaxe onde sei que aprendín moito máis das miñas compañeiras  que das horas de formación como orientador nas que participei. Un curso no que, como agardaba quedei prendido emocionalmente do que sucede nas aulas e nos patios, onde –roubándolle a frase a María Victoria Moreno– renacín como mestre nesa dialéctica misteriosa, un puxilato entre, por unha parte, o pensamento infantil e a construción das aprendizaxes e, por outra, as esixencias e os logros prescritos no currículum.

Foi un curso no que como orientador comprobei as dificultades para acadar unha escola que poida ser cualificada de inclusiva, onde cada alumno ou alumna reciba a axuda que precisa. Para o tratamento da diversidade na Educación Primeira aínda fan falta máis mestres e mestras que acrediten neste enfoque, fan falta máis espazos nas aulas para realizar apoios e reforzos integrados, como fan falta máis horas para a colaboración dos equipos docentes nunha perspectiva integradora que afecta a todo o centro e que reporta beneficios a todas as participantes.

Tras este curso reafirmei a convicción polos principios da educación lenta, acuñados por o meu admirado Joan Domènech, moi tinguida para min dun forte contido emocional. Creo imprescindible desacelerar os ritmos educativos baseados na velocidade e banalidade dalgúns contidos curriculares para adaptalos aos ritmos de aprendizaxe do alumnado. Acredito na revolución da educación tranquila que ten moito que ver con recuperar a importancia da motivación, con darlles o peso que merecen aos dominios cognitivo e emocional ou coa valoración da madurez e autonomía persoal como prerrequisitos das aprendizaxes académicas. Fronte a aprendizaxes efémeras de avaliar e esquecer, na Educación Primaria acredito na consolidación dos procedementos de comprensión e expresión oral e escrita como sillares sobre os que construír as aprendizaxes básicas. Escoitar, reflexionar, argumentar, debater son estratexias fundamentais para construír aprendizaxes sólidas. Como creo que esta educación calma é capaz de focalizar a atención para realizar actividades concretas e outorgar maior importancia ao traballo e conciencia corporal nun entorno de ensino colaborativo, no que o alumnado traballa en grupo, interactuando, axudándose e favorecendo a comunicación nun entorno rico de aprendizaxe.

E o galego na escola? Esa é a pregunta que máis me teñen feito este curso as amizades galeguistas. Cuestión á que respondo co optimismo no que acredito: «moito mellor do que agardaba». Este curso nunha escola de Infantil e Primaria  do centro de Vigo deume moito para cismar nesta cuestión. No meu cole, un centro bautizado como plurilingüe, fálase moitísmo máis galego ca no conxunto da cidade, utilizándose o galego con absoluta normalidade como lingua vehicular. Dá moitos azos coñecer alumnas de orixe marroquina, chinesa ou colombiana que utilizan un galego oral de maior calidade e fluidez co das súas compañeiras procedentes do periurbano vigués ou de familias galeguistas do centro. E iso ten que ver coa utilidade e cos prexuízos sobre o seu uso que as crianzas identifican dende educación infantil, así somos de precoces.

Adianteino na intervención que fixen hai unhas semanas no CEIP Paraixal e escríboo agora: o dilema do estatus do galego na escola está hoxe entre escoller entre o monolingüismo en castelán e un plurilingüismo restitutivo de catro linguas (galego, castelán, portugués e inglés), onde o galego teña un emprego referencial. Este primeiro curso axudoume a reafirmar a idea de que un novo modelo normalizador para a nosa lingua ten que urdirse sobre a revolución lectora (textual e hipertextual) promovida por cada biblioteca escolar, a primeira aula do centro, o laboratorio de acceso á información, tamén albeiro da lectura e escritura literarias. Da asociación do uso do galego coas hipertextualidades dixitais, coa robótica, coa ciencia e coas diversas expresións creativas debería agromar unha nova oportunidade para a nosa lingua na escola.

Reitero a gratitude e expreso os meus afectos a toda a comunidade educativa do Lope de Vega, levareina sempre no meu corazón. A partir de setembro, continuarei como orientador nunha praza definitiva compartida  entre o CEIP Laredo de Chapela e o CEIP Cedeira de Redondela.

Source: BrétemasBrétemas

2019-06-29T11:30:48+00:00 29 / 06 / 2019|Brétemas|