O ouro viaxeiro de Zoñán

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/O ouro viaxeiro de Zoñán

O ouro viaxeiro de Zoñán

Debaixo da Croa do castro de Zoñán hai, como en case todos os castros e xacementos antigos, tesouros a moreas. Tesouros de ouro imaxinario, naturalmente. Deste ouro o que máis abunda é o que se presenta en po, aínda que tamén son de ouro a lastra e os paus necesarios, incluídos a bóla e o canteiro, para xogar aos birlos. Cando trona, dicían os meus vellos veciños de Zoñán, é que os mouros que viven por alí andan xogando aos bolos. Ademais, isto contoumo o meu tío Ramón da Valura, un de Rego de Cas levou de alí un burro cangado de ouro, tanto ouro que a casa (non procede identificala agora) medrou moito e non acae outra explicación.

Pero no castro de Zoñán tamén apareceu ouro auténtico. Dese que brilla e se pode ver, e ata palpar. Foi nas escavacións levadas a cabo baixo a dirección do arqueólogo Abel Vigo en 2004 cando atoparon unha torta ou lingote de ouro de 191 gramos de peso, de 6,2 cm de lonxitude, 4,4 de ancho e 0’8 de grosor. Dátase nos primeiros séculos da era. Tras a realización das análises científicas, a composición resulta que ten un corenta por cento de prata e tamén algo de cobre. É, pois, ouro mesturado con prata e cobre polo que entenden os expertos que se trata dun lingote de fundición, listo para que un ourive o puidese utilizar para elaborar uns pendentes, un colar, un brazalete…; o que cadrase.

Torta de Zoñán

Torta de Zoñán

A torta, logo de realizados os estudos pertinentes, foi depositada pola Xunta de Galicia no Museo Provincial de Lugo en 2005. E neste museo, ao que retornará unha vez que remate a xira que a reclamou para levala de excursión, pódese contemplar permanentemente.

A exposición que solicitou en préstamo a torta do castro de Zoñán denomínase “Galaicos, un pobo entre dous mundos” e pódese visitar no Museo Arqueológico Nacional de Madrid entre o 31 de outubro deste ano e o 3 de febreiro de 2019. A mostra, producida pola Deputación de Pontevedra, pretende achegar a outras xeografías arredor de 65 obxectos arqueolóxicos que reflicten, xunto a complementos didácticos e virtuais, o potencial do patrimonio cultural galaico-romano nun período aproximado de arredor de 2000 anos, desde o 1.500 a. d. C. ata o s. VI d. C. Está previsto que despois, tras a estadía en Madrid, aínda visite Valencia e Barcelona para rematar o percorrido en Pontevedra aló polo ano 2020.

O catálogo que se acaba de presentar, “A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo”, identifica entre as 55 pezas que se estudan varias xoias áureas procedentes de Mondoñedo. Dous torques (colares ríxidos) de outro e un de prata procedentes do castro da Recadieira. Dúas láminas, tamén de ouro, dous fragmentos de torques e dúas arracadas (pendentes) procedentes de A Valiña, Masma. Amais doutro fragmento de torques con posible orixe, en lugar incerto, en Mondoñedo e outra torta de ouro, similar á de Zoñán, que se atopou casualmente na Recadieira en 1984. En total doce pezas, incluídos os fragmentos citados, que son o ouro antigo mindoniense permanentemente exposto na sala nº 8 do Museo Provincial de Lugo.

Non estaría nada mal que algún día, sequera de visita, igual que a torta de Zoñán vai a Madrid, se achegase a Mondoñedo esta avanzada do noso tesouro patrimonial.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-11-05T15:50:23+00:00 05 / 11 / 2018|Caderno de campo|