O monstro de Srebenica

Inicio/CÓMIC/Un ollo de vidro/O monstro de Srebenica

O monstro de Srebenica

El espíritu del escorpión. La máscara del genocida de Srebenica

O novo cómic do escritor vigués Fernando Llor relata a captura en 2008 do criminal de guerra Radovan Karadzic.
 

O final do século XX trouxo consigo un dos episodios máis vergoñentos da historia de Europa, o conflito dos Balcáns, unha guerra longa e cruel que deixou tras de si milleiros de vítimas ante os ollos dunha opinión pública que constatou a inoperancia duns organismos internacionais que foran concibidos para impedir que se  repetira o horror das dúas Guerras Mundiais. Autores de banda deseñada como Joe Sacco (Gorazde, zona segura), Hermann Huppen (Sarajevo Tango), Joe  Kubert (Fax from Sarajevo) ou Enki Bilal (La Tétralogie du Monstre) teñen consagrado algúns dos seus traballos máis notables a comprender e explicar aqueles feitos. O guionista vigués Fernando Llor e o debuxante Pablo Caballo sitúanse neste ronsel, relatando en El espíritu del escorpión a captura dun dos máis infames protagonistas do conflito, o criminal de guerra Radovan Karadzic.
 
Karadzic ocupara entre 1992 e 1996 o cargo de Presidente da República de Srpska e fora responsable das accións de exterminio e limpeza étnica levadas a cabo polo exército serbobosnio durante a guerra. Despois de anos en busca e captura, resultou detido en Belgrado en 2008, onde exercía como gurú da medicina alternativa baixo o nome de Dragan Dabic. A reaparición do carismático líder político transformado en menciñeiro new age supuxo un extravagante xiro de guión no capítulo final da guerra. Pretendía o xenocida agocharse detrás dun disfrace grotesco ou estivera a Administración serbia nas mans dun lunático? Velaí o fío do que Llor vai tirando para construír o seu relato. 
El espíritu del escorpión responde ao comprensible desexo de desentrañar a natureza do mal. Como é un xenocida? Recoñeceriámolo se o tivésemos preto? Pode alguén capaz de decidir o exterminio de milleiros de seres humanos causar algún ben a quen o rodea? O retrato de Llor contempla a Karadzic dende distintos ángulos: coma o político desapiadado que ordenou a matanza de Srebenica, o asasinato masivo de musulmáns bosnios en 1995 polo que o Tribunal Penal Internacional para a ex-Iugoslavia o condenou en 2016; coma o poeta que aspiraba á inmortalidade escribindo versos en plena guerra; e finalmente, coma o gurú que transformaba o seu carisma en enerxía para sandar durante a súa etapa final na capital serbia. A historia de Jasmina, unha paciente que acode a Karadzic/Dabic en Belgrado para que a axude a quedar embarazada, é empregada polos autores como fío condutor que lles permite conectar os seus anos na clandestinidade co período bélico. Narrado a grandes trazos e cun dramatismo por momentos demasiado enfático, este episodio ficticio válelle aos autores para mostrar a Karadzic coma un ser esencialmente abxecto, que non busca axudar aos seus semellantes senón utilizalos no seu propio proveito.
 
Fundamental para dotar o relato do ton axeitado é o labor de Pablo Caballo, debuxante dun contundente expresionismo que semella debedor de autores tan dispares coma Alberto Breccia ou o primeiro Dave McKean e cuxos modos narrativos lembran ao cómic adulto dos anos 80. O seu desenvolvemento gráfico fai da lectura de El espíritu del escorpión unha experiencia esixente, non tanto polo seu suposto experimentalismo, que non é tal, senón pola frialdade que desprenden as súas páxinas, unha frialdade que conecta coa dureza do narrado. Cun branco e negro bretemoso, Caballo envolve o relato nunha atmosfera abafante da que xorden figuras humanas de perfiles esquivos. Karadzic é retratado coma un monstro vampírico que só deixa vítimas ao seu paso. Non hai redención posible para el.

Source: Un ollo de vidro

2018-09-30T13:30:00+00:00 30 / 09 / 2018|Un ollo de vidro|