O meu Long John Silver

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Alfaias/O meu Long John Silver

O meu Long John Silver

Agustín é o meu Long John Silver. O mesmo fascinio que sentiu Jim polo pirata tolleito sentino eu dende que o coñecín hai dez anos. Todo este tempo de encontros, agarimos e conversas foi como embarcarse na Hispaniola na procura da illa do tesouro.

Agora, rematada esa extraordinaria viaxe xa para sempre, decátome que a súa amizade e compaña eran o verdadeiro tesouro que procuraba canda el e que agora veño de perder.

Queda comigo o resón das súas palabras, do seu entusiasmo por este filme ou por aqueloutro comic, dos seus azos e consellos na escrita, a lembranza dun paseo por Tlaquepaque cantando no solleiro mexicano, a crenza cega de que a lectura dun libro podía a un mudarlle a existencia.

Agardo  que o seu exemplo sexa quen de guiarme no futuro polos vieiros da vida e non defraudalo.

Polo de agora poñereime a escribir de novo. Débollo ao meu Long John Silver.

Source: Alfaias

2016-07-14T09:50:35+00:00 14 / 07 / 2016|Alfaias|