O mar que nos leva, de Moncha Fuentes

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/O mar que nos leva, de Moncha Fuentes

O mar que nos leva, de Moncha Fuentes

Moncha Fuentes

O mar que nos leva

Xerais, Vigo, 2018, 160 páxinas, 17 €

 

Debuta, como narradora, a profesora Moncha Fuentes (Marín, 1952) e faino cunha novela de factura excelente. O mar que nos leva é un espello caleidoscópico, máis alá da implícita metáfora envolvente no título, que nos conduce, coa forza dunha enxurrada, por unha espiral onde conflúen diversos tempos que beben, todos eles, dos territorios da memoria. Con estes fíos, e cos da fabulación, é como se reconstrúe con solvencia a vida dunha muller chamada Mariña Brei que, a través do proceso relatado da súa educación e da súa formación, en definitiva, da súa propia vida, posibilita achegarse tamén, por exemplo, ás loitas estudantís da Compostela do ano 68, aos conflitos obreiros do Vigo do ano 72 e, ao tempo, por esas reviravoltas que a propia vida pode ofrecer grazas ao magnífico personaxe da avoa Amalia, ao Buenos Aires da emigración galega do século XX e, por extensión, en páxinas ao meu ver moi brillantes, á  figura de Manuel Puente e, tamén, á do propio Castelao ao fondo.

A novela tece, a través de máis dunha trintena de fragmentos narrativos, un fresco sedutor respecto do que resulta imposible manterse indiferente tras unhas páxinas iniciais absolutamente engaiolantes, que sen len sen respiro, nun momento clave da biografía da propia protagonista. Desde aí, articúlase unha proposta na que se revelan con nitidez os esteos  dunha estirpe familiar concreta, a de Mariña: estirpe, coma todas, chea de luces e sombras, con presenzas abxectas, “traizóns bastardas” e outras de ditosa evocación onde se transmite limpamente, en tantas ocasións, o estado de abatemento e desespero da protagonista, alén dalgúns momentos felices que tamén contribúen a deseñar a súa personalidade, e que mesmo dalgún xeito a derruban emocionalmente, como os que comparte con Paulo Cimadevila, con quen redescubrimos universos xeográficos que van do Galiñeiro ao Courel ou de Bande a Castro Laboreiro, se se quere, ollados con outra perspectiva.

Nun momento dado na novela afírmase que a memoria viña a ser  “unha rede tumultuosa de túneles e algúns conectaban entre si de forma inesperada”. Deu coas claves Moncha Fuentes para activar esa conexión desde a ficción: para recoñecernos nesas interseccións e para ofrecernos unha novela espléndida. Non o dubido.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2019.

Source: Caderno da crítica

2019-01-05T11:45:31+00:00 05 / 01 / 2019|Caderno da crítica|