O lobo de area, de Åsa Lind

O lobo de area, de Åsa Lind

lobo cuberta.inddÅsa Lind

O lobo de area (ilustrado por María Elina; tradución de Antón Lado)

Kalandraka, Pontevedra, 112 páxinas, 15 €, 2019

 

Åsa Lind chega até nós e non é difícil conxecturar que para quedar. O lobo de area, galardoado co premio Nils Holgersson en 2003, é  tanto unha singular novela como unha excelente carta de presentación da súa autora, ao meu ver porque esta é unha desas propostas que sitúa nese punto exacto, nada sinxelo de acadar, que permite diversas lecturas segundo a idade e a bagaxe de quen se achegue a ela.  A experiencia de sentirse reflectido cun personaxe tan engaiolante como Zackarina non ha de ser difícil para ningunha lectora ou lector novo porque a súa é, dalgún xeito, unha historia triste, no fondo realista e marcada por un proceso de superación persoal; ao tempo, a calquera lector adulto non lle ha resultar difícil percibir como familiar algúns dos acontecementos cotiáns ou domésticos dos que aquí, con contención narrativa e a palabra xusta, se dan conta, incluso os máis inverosímiles ou fantásticos que  lle dan sentido cabal á historia relatada…, talvez porque a autora sabe conducirse moi ben cos recursos para gañar a complicidade duns e doutros ao tempo que se afonda en asuntos de indiscutible relevancia como a soidade ou as verdadeiras consecuencias que posúe o traballo cando este se converte nunha atadura que anula outras dimensións que a vida ten, sen esquecer esoutras cuestións de certo calado e transcendencia que ese lobo de area nos achega como son a aprendizaxe de que o tempo pasa ou, mesmo, un desñeo do que é o propio universo.

Sería inxusto non citar o espléndido traballo da ilustradora María Elina Méndez -imposible imaxinar un lobo de area ou unha Zackarina diferentes das que a artista nos regala- nin tampouco a solvencia de Antón Lado ao verter, desde o sueco, esta historia alimentada por outras pequenas historias, tan ben relatadas que resultan difíciles de esquecer.

 

Source: Caderno da crítica

2019-11-06T20:43:28+00:00 06 / 11 / 2019|Caderno da crítica|