O libro da Cova do rei Cintolo

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/O libro da Cova do rei Cintolo

O libro da Cova do rei Cintolo

Onte, 2 de febreiro, á noitiña, asistín con verdadeira curiosidade á presentación do libro ‘A Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo’, da autoría de Xurxo Lorenzo e Javi Fouz, editado polo concello de Mondoñedo en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingúística. Non fun o único. O salón de plenos da casa do concello estaba cheo; por algo sería!

A presentación resultou moi amena e das intervencións dos autores, espeleólogos veteranos, e do públioco resultou evidente que, ademais, son grandes coñcederos da historia e das intimidades da cova, e que as 368 páxinas son a consecuencia dun traballo demorado no tempo, rigoroso na metodoloxía e crítico nas propostas e conclusións. A través de sucesivos capítulos vanse debullando os aspectos fundamentais dun patrimonio natural, histórico e paisaxístico da importancia da cova máis grande de Galicia. Descrición do labirinto que conforma, historia das exploracións, arqueoloxía, paleontoloxía, topografía, nomenclatura, etimoloxías, literatura, lendario… De aquí en adiante para achegarse á Cova do Rei Cintolo cun certo coñecemento previo quedamos obrigados a ler este libro.

Adianto que é un libro xeneroso en planos, datos e fotografías antigas e actuais, e que acumula o saber, o que se dixo e escribiu, con bastantes anécdotas, deste máxico e enigmático lugar des que comezou a aparecer impreso o seu sonoro e evocador nome a principios do s. XIX

Se vos interesa esta obra, que seguro que si, poñédevos en contacto co concello de Mondoñedo e xa vos dirán como conseguilo.

Pola miña parte, parabésn aos autores. Grazas pola xenerosidade  dun esforzo  tan inmenso e polos execelentes resultados do seu traballo.

Agora, se mo permitides, vou seguir lendo!

© Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-02-03T11:35:42+00:00 03 / 02 / 2019|Caderno de campo|