O Kalevala de Elias Lönnrot en lingua galega: beizón!

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/O Kalevala de Elias Lönnrot en lingua galega: beizón!

O Kalevala de Elias Lönnrot en lingua galega: beizón!

Elias Lönnrot

Kalevala (tradución de Tuula Ahola e Tomás González Ahola)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 430 páxinas, 24 €

 

Emocióname ter esta versión do Kalevala nas mans que me acaba de chegar e que comeza “Xa me está apetecendo, / miña mente está pensando / en romper eu a cantar, comezar a recitar…” e non é cousa de ocultalo. Teño unha versión do libro en castelán, coido que unha edición en Alianza dos anos oitenta,  que foi un agasallo que nos fixo unha amiga finlandesa, Jarna Piippo. Un agasallo que dalgún xeito implicaba transmitirnos o orgullo dunha literatura propia con fondas raizames depositadas na tradición oral e que agromaba desde as páxinas deste libro. Ademais, este monumento literario converxía, curiosamente, cunha tradición común entre Galicia e Finlandia, isto é, nós celebramos un 17 de maio, data en que se publica a obra inaugural da nosa tradición literaria moderna; Finlandia, pola súa parte, evoca todos os 28 de febreiro a publicación deste poema épico, publicado orixinalmente en 1835,  que desde 1978 se celebra como festivo en todo o territorio finlandés. Dúas tradicións culturais e literarias tan distantes mais unidas no recoñecemento da cultura propia transmitida a través do libro e da súa consideración como elemento identitario nacional. Os libros, ás veces, teñen un poder que vai máis alá do que contan.

Dun ou doutro xeito teño para min que a publicación desta tradución da epopea nacional finlandesa, que se debe á man e ao traballo de Lönnrot -quen se consideraba a si mesmo un bardo, tal Pondal, e que como se sinala no libro “textualizou unha tradición oral”-  debera ser considerada, con toda xustiza, como un paso adiante no ámbito das traducións de textos clásicos á nosa lingua. Un breve, documentado e equilibrado limiar abre paso a unha tradución, ao que puiden ver, extraordinariamente coidada e, quen o dubida, complexa e resultado de moitos anos de intenso traballo ao optarse por unha tradución en verso en octosílabo galego no que entendo un indubidable acerto.

Os meus parabéns para Tuula Ahola e Tomás G. Ahola, que tamén se ocupan dun corpus de notas a rodapé indispensable, á serie Vétera dirixida con acerto por Raúl Gómez Pato e, loxicamente, a Rinoceronte que posibilita a súa publicación. Un libro que felizmente xa podemos ler en galego, algo que me enche de alegría.

Source: Caderno da crítica

2018-02-06T20:58:49+00:00 06 / 02 / 2018|Caderno da crítica|