O grupo

Escrito por An Alfaya e gañador do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2018, esta novela curta publicada por Xerais, O grupo, aborda o tema da incomprensión social en varios casos diferentes. Botei de menos máis profundidade e pareceume que contemplaba demasiadas pretensións en tan poucas páxinas (nunha novela coral onde nada falta, dende unha traxedia persoal ata a violencia de xénero, pasando pola inmigración, a diversidade funcional ou mesmo o terrorismo), cun demasiado final feliz (dentro do posible) e un achegamento demasiado rápido de todas as historias que contén o libro, incluída a propia coordinadora do grupo, quen tamén arrastra a súa propia problemática e que será un dos eixos demasiado fundamentais da acción. Coido que prometía moito máis -e tamén son consciente de que hoxe por hoxe ningún libro me enche- pero case estou certa de que vai gustar á rapazallada, que é -en último caso- o que aquí importa, posto que está pensado para eles e elas.
Sei asemade que estamos ante unha boa autora que nesta ocasión bota a ollada a grupos vulnerables da sociedade que reclaman a nosa antención, que amosan a complicación da vida e a importancia que adquire o respecto e a comprensión de quen os e as rodea. Un dos valores máis importantes será a necesidade de axuda, esa que toda sociedade debe contemplar porque non somos individuos que permanecemos e vivimos illados, e dentro disto destaca que todos os personaxes sexan capaces de berrar con palabras ben comprensibles aquilo que desexan expresar: as súas preocupacións máis fondas e a soidade que estas conlevan.

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2019-10-16T23:24:00+00:00 16 / 10 / 2019|Trafegando ronseis|