O estraperlo do pan no franquismo. O ‘Caso do pan’ co mindoniense Blanco Folgueira de protagonista

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/O estraperlo do pan no franquismo. O ‘Caso do pan’ co mindoniense Blanco Folgueira de protagonista

O estraperlo do pan no franquismo. O ‘Caso do pan’ co mindoniense Blanco Folgueira de protagonista

Falamos do estraperlo, o comercio fraudulento de produtos básicos como o pan en épocas de necesidade. Nas augas procelosas da autarquía e do férreo intervencionismo imposto polo franquismo na posguerra este tipo de mercado negro enriqueceu a uns poucos e condenou a pasar fame e necesidades á inmensa maioría.


O mindoniense José María Blanco Folgueira comezou da nada e chegou ao cumio do negocio do pan no Madrid do segundo cuarto do s. XX. Levedou económica e socialmente como xerente do Consorcio de Panadería de Madrid, cargo no que estivo desde 1928 ata o 18 de xullo de 1936 e desde abril de 1939 ata que en 1947 foi detido, xulgado e condenado.

Nacera en Mondoñedo o 19 de maio de 1880. Foi inscrito no rexistro como José María Blanco, pois a súa nai, Casilda Folgueira, morreu antes de recoñecelo, segundo declara el meso nun xulgado de Madrid en novembro de 1935.

O 22 de outubro de 1895 chega á capital do estado. A primeira noite pasouna nun banco do Paseo do Prado pero axiña comezou a traballar nunha tafona como “cayolo”, ocupación que consistía en carrexar a auga desde a fonte ata a maseira. Pouco despois alistouse voluntario e foi á guerra de Cuba da que regresou co rango de sarxento e con medalla pero sen cobrar. Debíanlles a paga dun ano o que animou a Folgueira a fundar a Unión General de Repatriados, organización coa que conseguiron que o Estado lles pagase un peso por cada mes de atrasos.

Repartidor de pan

Recuncou no mundo do pan, negocio no que foi pasando por distintas ocupacións, incluída a de cociñeiro, ata facerse repartidor. En 1903 participa na fundación dunha sociedade de repartidores de pan e once anos despois exerce xa como encargado da famosa panadería Viena Capellanes. En 1909 tivo problemas coa policía e coa xustiza por mor das súas actividades sindicais, aínda que non chegou a ser detido pois cando o ían buscar resolveu cunha enxeñosa estratexia a situación.

En 1914 prohíbese o reparto de pan a domicilio e Folgueira proponlles aos colegas repartidores a constitución dunha sociedade produtora. Isto provocou un conflito moi violento cos empresarios do Sindicato Patronal, con sabotaxes que afectaron ao subministro de fariña. Diferentes situación, entre elas as consecuencias da primeira gran guerra, mantiveron o negocio do pan en permanente conflito, entre os fabricantes coas autoridades e tamén cos clientes por mor dos prezos e dunha pésima calidade do produto.

Creación do Consorcio da Panadería

Problemas que contribuíu a arranxar o noso paisano cunha brillante idea. Na época da ditadura de Primo de Rivera, Blanco Folgueira propúxolle ao goberno crear un consorcio de fabricantes de pan, unha fórmula que se puxo en marcha mediante Real Decreto de 20 de febreiro de 1926 e que significou na práctica o nacemento do monopolio absoluto do negocio do pan no concello de Madrid.

Mais coa creación do Consorcio non se solucionaron os problemas. Os propios industriais membros do Consorcio discrepaban regularmente sobre a aplicación da normativa de prezos e do peso do pan. A isto había que engadir a negativa dos patróns ás subas do salario dos traballadores “obreros de las artes blancas” e a oposición do goberno a subir o prezo do pan candeal. En novembro de 1930 no decurso dunha acalorada reunión do Consorcio circulou o rumor de que Folgueira pactara co goberno a incautación de fornos, rumor que provocou que un grupo de panadeiros sinalase a Folgueira como obxectivo ata o punto de forzalo a saltar por unha ventá. Non saltou pero os danos no local foron cuantiosos e varios os empresarios detidos.

Coa chegada da II República en 1931, a pesar das voces discrepantes, o Consorcio da Panadería de Madrid seguiu activo e mesmo se ampliou a outros concellos da contorna, sempre con Folgueira de xerente aínda que non faltaron os problemas. En 1934 Blanco Folgueira denuncia a individuos do Sindicato Patronal da Panadería de Madrid por “fraguar un complot para atentar contra su vida” pero tamén recibe a Cruz de primeira clase do Mérito Militar por colaborar co exército en Asturias no axitado outubro de 1934. En 1936 foi apartado da xerencia polo que se queixa ante as autoridades da “usurpación“ de cargos do Consorcio “durante el período de dominación marxista”, cargo no que sería reposto en abril de 1939.

O estraperlo da fariña

Tras o 18 de xullo de 1936 o Consorcio seguiu funcionando e contaba cuns douscentos empregados. Só mudou a composición do órgano de dirección, primeiro en xullo de 1936, e despois coa reposición de practicamente todos os nomes en abril de 1939.

Membrete de factura da Panificadora de Blanco Folgueira.

Blanco Folgueira era entón, como rezaban as enormes letras da fachada do negocio, o propietario de “Panificadora de Usera de Jose Mª Blanco Folgueira”. Hai unha fotografía do edificio de 1937 cunha barricada a carón, en plena guerra civil, fronte sur de Madrid.

Durante a guerra pero sobre todo na posguerra chegou a gran corrupción ao mundo do pan. No comercio negro dos cupóns de produción, transformación e distribución, que afectaban tanto á fariña como ao pan xa elaborado está a orixe dun mercado paralelo onde os máis listos se fixeron en pouco tempo multimillonarios. Desviaban o trigo e a fariña F. C. (fóra de cupón) do circuíto e vendíana transformada en pan a prezos moito máis altos que os estipulados na tarifa oficial.

O acaparamento do produto afectaba gravemente ao abastecemento. Tanto que en 1941 o propio Blanco Folgueira pediu e conseguiu permiso das autoridades para non ter que revelar a procedencia da fariña; de toda, cando menos. Unha autorización extraordinaria que, sorprendentemente, se lle concedeu e que se lle renovou varias veces, o que significaba na práctica que o Consorcio podía comprar o suposto excedente de grao, como así fixo, sen deixar rastro. A verdade é que non o mercaban en ningures senón que o desviaban do circuíto oficial para revendelo clandestinamente. Un negocio redondo.

Anos de gloria e medallas

En 1944 Blanco Folgueira entra no consello de administración do Banco Popular de Crédito y Descuento en representación da “Industria Harino-Panadera”. En xullo de 1945 anúnciase no BOE a concesión da Medalla “al Mérito en el Trabajo” na categoría de prata, o Círculo de Bellas Artes de Madrid ofrécelle unha homenaxe por tal motivo nun acto ao que asisten mil comensais. A revista Finisterre, nº 17, de xaneiro de 1945, editada entón en Pontevedra, dedícalle un artigo preñado de eufonías, asinado por Braulio Iglesias, ao ilustre paisano “y en la ciudad de Mondoñedo, algún anciano bebiendo sol al pié de un estribo de la vieja catedral, evocará sentencioso la figura menuda y nerviosa de un rapaz que en las postrimerías del siglo pasado, corría del seminario al hogar en ese torrente jubiloso y cantarín de la infancia”. Aquí dise que ademais de ser Jefe Nacional del Grupo de Panadería, presidente do consello dunha entidade bancaria e dono da mellor fábrica de pan da capital, posúe e rexenta a madeireira “Montes de Cervantes”, xerente e condono da prestixiosa repostaría “Obel”, forma parte da empresa de construción e reparación de sumidoiros “C.I.R.”, amén de posuír un talento natural extraordinario. Non se regatean os eloxios ao incansable traballador, ao filántropo amante da súa terra e da súa cultura que tiña para consultar as obras de Rosalía permanentemente dispostas a carón da cama. Un pai da patria, da familia e de toda clase de desamparados, incluídos os emigrantes galegos que chegaban a Madrid cunha man diante da outra!

En 1946 é recoñecido como benfeitor do Centro Galego de Madrid e doa 500 pesetas para a homenaxe e reedición das obras de Antonio Noriega Varela. En 1947 é proposto para ingresar na Orde Civil de Beneficencia por realizar obras de caridade en beneficio dos veciños de Usera.

1937. Barricada a carón da Panificadora de Blanco Folgueira, en Usera (Madrid)

Detención, xuízo e condena

A fame e a pésima calidade do pan que se distribuía naquel Madrid de posguerra provocaron a revolta. O réxime perseguía ao pequeno estraperlista pero non as mafias, seguramente incrustadas nas cadeas de mando político, mais agora foi inevitable. O descontento era tal que ata desde o poder se promoveron protestas e manifestacións.

En 1947 xa era vox populi que os do Consorcio, quen senón, eran os causantes da escaseza de pan en Madrid; da carencia pero, sobre todo, do intragable pan que se lles vendía aos pobres de solemnidade, que eran a maioría.

Disparouse a alarma e en 1948 detiveron a varios directivos do Consorcio, entre eles a Blanco Folgueira, que ademais de xerente era xefe do grupo nacional de panadería do Sindicato Vertical de Cereales. A indignación social era tan grande que se pediu o seu linchamento e incluso se convocou unha controlada revolta de estudantes, disque orquestrada polo goberno, pedindo que a xustiza actuase implacable. O Consello de Ministros non tardou en reaccionar e en xaneiro de 1948 impuxo unha sanción conxunta de máis de 28 millóns de pesetas aos directivos do Consorcio por tráfico ilegal de fariña. Nestas mesmas datas, Blanco Folgueira causa baixa por orde do goberno no libro de rexistro de medallas “al Mérito en el Trabajo”.

Aínda que, como é de supoñer, no xuízo os 9 acusados só recoñeceron apropiarse duns poucos vagóns de trigo e de colocar no mercado negro uns poucos quilos de pan destinados a familiares e amigos, a realidade é que a prensa da época, que se estendeu informando con inusitado detalle de todo o proceso, difundía cifras mareantes de varios miles de vagóns de gran e de millóns de quilos de fariña desaparecidos. A defensa dos infractores tratou de demostrar que actuaran de boa fe, xustificando o escamoteo de trigo ao control legal para evitar que chegase ao mercado negro e así garantir o subministro de pan á cidadanía. Unha estratexia que desmontou o fiscal nun informe contundente, probando desvíos a fábricas como a de pastas Tarzán que rexentada o fillo de Folgueira, Manuel Blanco Otero, cuxo destino eran os economatos militares. Blanco Folgueira era propietario naquel momento dunha tafona e de sete despachos de pan.

As condenas

Para o réxime, o escándalo resultaba intolerable. As condenas foron duras para que parecesen exemplares. A vista tivo lugar en varias sesións no mes de febreiro de 1949 cunha sala abarrotada. A sentenza, de 2 de marzo de 1949, condena a Blanco Folgueira, responsable dun delito contra o réxime legal de abastecementos, a seis anos de prisión menor, a unha multa de dez millóns de pesetas, ao cerre dos seus establecementos e inhabilitación vitalicia para exercer no negocio do pan. Entre os condenados estaba un dos catro fillos que tivo Folgueira, Manuel Blanco Otero, que era secretario administrativo do Consorcio, e Luis Quintero López que ademais de funcionario do Consorcio era secretario da federación de fútbol e do Real Madrid.

O indulto

Blanco era un home obeso e estando en Carabanchel sufriu un ataque cardíaco. Foi excarcerado por problemas de saúde en 1950 e faleceu o 17 de xaneiro de 1952.

En xullo de 1951 o Caudillo concédelles a el e aos demais condenados o indulto da cuarta parte da pena privativa de liberdade, mais en agosto de 1952 (Blanco xa falecera) a empresa que deixa en herdanza debe continuar coas malas prácticas pois “Herederos de José María Blanco Folgueira” é sancionada cunha “llamada a la moralidad”.

Luis Quintero saíu da cadea en 1955 cun manuscrito de exculpación debaixo do brazo e que baixo o pseudónimo J. de Grattis publicará na década de 1960 co título “Rejas son votos. El libro aúreo del consorcio de la panadería de Madrid”. Pero antes, pola primavera de 1955, consegue que J. Antonio Girón de Velasco, entón ministro de Traballo, o reciba no seu despacho.

Seguramente a principal consecuencia dese encontro foi que en 1960, segundo Victoria Armesto, o goberno decretou a rehabilitación dos condenados, a condonación das multas, o borrado dos antecedentes penais e policiais e a reposición nos seus postos e cargos.

Luis Quintero, agradecido, deuse de alta na Falange Española Tradicionalista y de las JONS e dedicoulle o libro a Girón de Velasco, un campión da xustiza ao seu entender. Ao mindoniense José Mª Blanco Folgueira xa lle chegaba demasiado tarde a boa nova.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-02-04T20:04:47+00:00 04 / 02 / 2018|Caderno de campo|