O debut dun narrador eficiente

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/O debut dun narrador eficiente

O debut dun narrador eficiente

As humanas proporcións

Xesús Constela Doce

Galaxia, Literaria, Vigo, 2004, 148 páxinas

(Libros de fondo)

 

Como está a acontecer nos últimos tempos, un escritor descoñecido e que debutaba no eido narrativo, fíxose merecedor, no ano 2003 e coa súa primeira achega, dun dos máis importantes premios que se outorgan en Galicia: o XV Premio Torrente Ballester. Trátase, neste caso, do ferrolán Xesús Constela Doce e a obra gañadora, unha escolma de relatos que Editorial Galaxia puxo nas nas mans dos lectores baixo un título a primeira vista certamente suxestivo, As humanas proporcións. Engade así o seu nome á relación curta e selecta de escritores galegos (Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Xosé Carlos Caneiro e Xosé Vázquez Pintor) que nas quince edicións ata entón de existencia do certame se fixeron merecedores do galardón -o de maior dotación económica de Galicia-, en competencia con cerca de seiscentos orixinais dos que soamente vinte estaban escritos en galego.

Non resulta ademais trivial insistir na natureza da obra de Xesús Constela  -unha selección de relatos-, porque as que acostuman ser premiadas nos certames desta índole son as novelas longas. O xurado, non obstante, optou pola obra do ferrolán porque viu en As humanas proporcións, “unha proposta arriscada, moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre”. Moito diso en efecto leva nas súas entrañas esta escolma de relatos que, sendo fieis a unha tradición de indubidable calado na literatura galega que conxuga fantasía e realidade, aparecen resoltos seguindo o ronsel de certos escritores de culto da máis novidosa contemporaneidade narrativa.

O volume que editpu Galaxia, recolle os dez relatos que recibiron o premio máis un novo conto, o que pecha o volume, co título de “Na fraga”. E achéganlle ao lector pequenas historias, aínda que de distinta fondura e mesmo extensión, nas que o autor nos descobre novas dimensións, moitas delas quizais impensables, do mundo cotián. Historias por veces minimalistas, que semellan intranscendentes pero que nos aproximan ás distintas facianas e matices existenciais da vida de homes e de mulleres. As feridas, as mágoas, os pesadelos, os dramas e tamén os soños e as emocións de representantes nada senlleiros da nosa especie. A muller maltratada que para defenderse da violencia verbal de seu home bota man das lembranzas. Serán a súa arma que crava no pescozo ou no peludo bandullo do consorte que ronca despois de engulir coma un porco o xantar, e que lle permitirán sentirse triunfadora en tantos anos. Ou a viaxe por un cadro de Van Eyck e o chateo con Giovanna Arnolfini que desde o interior do cadro  -do que o escritor nos descobre segredos- lle conta ao protagonista a súa triste historia dun secuestro disfrazado de casamento. Así como os soños da cativa, estimulados polos contos que antes de durmir lle le súa nai, á que tamén lle fan recuperar o pulso alegre da nenez. Tamén Xesús Constela se acerca cun relato moi actual e emotivo ao drama do inmigrante ilegal abandonado no medio do inmenso océano, baixo o lume dun sol implacable e ao seu diálogo alucinante, despois dunha semana ao garete, co seu amor da selva africana e coa morte no horizonte. Noutro relato intimista, que non supera as dez liñas, ficamos engaiolados polas verbas dunha muller que aleita a un cativo, mentres o mexedor mide o tempo de xeito implacable. E noutro que o autor presenta como divertimento “alfanumérico”, o vivir diario dunha parella fica reducido a números, pero “¿Que máis lle dá a regra de 3 se se aman a  compás de 3 por 4?”.

 

 

Xesús Constela Doce

 

Especial atención merece,  a meu ver, o relato que leva por título”Geographos”, o de maior entidade da escolma e que encerra unha trama que podería dar lugar a unha excelente novela. Un relato que o autor recoñece ter escrito baixo a influencia do realismo máxico de Álvaro Cunqueiro. Diante do lector, o drama dun home que empeza a escoitar o son dunha fervenza de auga. Días e días escoitando a ruxideira incesante dunha enorme catarata no corpo. Máis tarde será o estoupido dun volcán no interior do seu peito, ríos de lava correndo por todas partes ata chegar ao bandullo. O mal condénao a moverse senlleiro pola vida, sen a comprensión da súa muller, co cadoiro, co volcán, coas fragas que xurdían a esgalla no seu interior. Ata que a vella visionaria á que acode, lle revela que non ten ningunha enfermidade, senón o don da xeografía. Dentro del están as proporcións de todas as cousas. É  o Home Vitrubiano que debuxara Leonardo. Será entón cando empece a  sentir a vida de verdade, co agasallo de levar no corpo a fórmula de todas as cousas, coma un microcosmos, en humanas proporcións.

A peza de Xesús Constela constitúe sen dúbida unha proposta literaria interesante, aínda que desigual. O autor amósanos a face dun bo fabulador, un fabulador efectivo naqueles relatos ateigados de materia narrativa, que resolve cun excelente dominio dos rexistros da lingua e da arquitectura narrativa máis actual. Noutros atopámonos coa inanidade, coa nada narrativa ou con historias insignificantes que deixan indiferente ao lector. É esta dispar calidade a que nos fai pensar que As humanas proporcións é pouco libro para tan grande agasallo como o que recibiu.

Source: NOVENOITES

2017-11-04T19:43:34+00:00 04 / 11 / 2017|Novenoites|