O conto da criada, de Margaret Atwood

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/O conto da criada, de Margaret Atwood

O conto da criada, de Margaret Atwood

unnamed-1-330x510Margaret Atwood

O conto da criada (tradución de Celia Recarey e Carlos Valdés)

Irmás Cartoné, 432 páxinas, 19,50 €, Santiago, 2019

 

É ben probable que algunhas das persoas que visitan esta sección gozasen da serie televisiva homónima protagonizada pola extraordinaria, e camaleónica actriz, Elizabeth Moss no papel de Defred. Con todo, para as persoas que coñecen aquela versión e para aquelas que non tiveron ocasión, O conto da criada é un libro de lectura obrigada: aínda máis agora que contamos cunha edición impecable en lingua galega grazas ao traballo de tradución de Celia Recarey e Carlos Valdés.

Margaret Atwood escribiu esta distopía, de carácter inequivocamente feminista, na década dos anos oitenta e, máis de trinta anos despois, a mensaxe deste libro cobra unha actualidade desacougante porque fala, no fondo, do perigosas que son as ideas e  aínda máis as ideas que pensan as mulleres. A autora deseña un novo EUA baixo a denominación de República de Gilead en que se instaurou un réxime teocrático e fundamentalista, onde as mulleres fértiles non afectas ao réxime son condenadas a servir como “criadas”  co obxectivo de enxendrar fillos para os principais mandatarios.  Estas son persoas, claro é, anuladas en canto aos seus dereitos individuais, máis ben son corpos ocultos, cun ventre fecundo, sometidos a un réxime patriarcal.

O universo creado por Atwood non ten fendas, zumega distanciamento efectivo na descrición do horror e fai que viaxe canda nós a permanente sensación de medo. A novela ofrece palpables diferenzas coa versión televisiva como son o punto de vista desde que o se relata, unha ordenación cronolóxica distinta e unha alteración na idade de certas personaxes, como Serena e o Comandante Fred, entre outros elementos.

Recomendo vivamente a lectura da novela, ao meu ver moito máis rica en matices,  na que se percibe a súa brillantez literaria. En setembro deste ano publicarase The Testaments, unha sorte de continuación deste libro que, oxalá, poidamos ler tamén en lingua galega nun curto prazo.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 7 de xuño de 2019.

 

Source: Caderno da crítica

2019-06-08T09:39:07+00:00 08 / 06 / 2019|Caderno da crítica|