Novela homenaxe

Novela homenaxe

O Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez. Así o acordou a Real Academia Galega o pasado día 17 de xuño.

Reproduzo aquí una breve recensión verbo da primeira obra literaria de María Victoria Moreno, publicada o día 9 de xullo de 2009 no xornal Faro de Vigo. Estas liñas sobre Onde o aire non era brisa, así traduciu Xavier Senín Alcores de Donalvar (1969), editada en 2009 por Galaxia, queren ser una modesta homenaxe a muller que fixo da nosa lingua a súa.

 

Onde o aire non era brisa

Mª. Victoria Moreno

Tradución de Xavier Senín

Editorial Galaxia, Vigo, 2009, 158 páxinas.

 

En poucas ocasións elementos paratextuais cumpren unha función informativa – e mesmo persuasiva – tan decisiva coma os do prólogo desta novela de Mª Victoria Moreno ( Valencia de Alcántara 1941 – Pontevedra 2005 ). Aos amantes das curiosidades literarias cónstalles que naquela escolma poética titulada Os novísimos da poesía galega ( 1973 ) dáse noticia da primeira  obra literaria de Mª Victoria Moreno, Alcores de Donalvar, finalista do Premio Café Gijón de 1969. Foi a primeira novela da escritora estremeña e a única escrita en castelán. O prólogo da obra que reseñamos, asinado por Pedro Ferriol, avisa ao lector de que o manuscrito daquela novela ficou esquecido durante 36 anos ata que, convencida a autora, escribiuna de novo con pequenas modificacións e cun novo título, Donde el aire no era brisa. Velaquí pois a primeira novela de MªVictoria Moreno, que ficaba inédita e que aparece en edición póstuma traducida ao galego por Xavier Senín.

A autora  de Anagnórise, e de tantos outros títulos de literatura xuvenil e infantil, narra na novela unha historia baseada nas experiencias dunha mestra nova que chega a Alcores de Donalvar, unha vila castelá, paradigma da intemporalidade ( “mil casas…mil homes silenciosos…mil mulleres renegridas” ), na década dos sesenta, tempos do quiñón do leite en po dos americanos. Unha vila dominada pola pobreza e avasalada polos caciques e a ignorancia. O discurso narrativo mestura as vicisitudes dos habitantes da vila, salferidas de longas historias de desaires, resentimentos e envexas, coas propias experiencias vitais da protagonista, identificada desde o primeiro intre cos máis pobres e cos desherdados. No corazón e nas contornas dese lugar imaxinario, literaturiza a autora retallos da vida aldeá, non exentos de costumismo, e unha galería de personaxes ancorados nos valores e pautas tradicionais, tales como a discriminación social e xenérica e o patriarcado.

 

María Victoria Moreno

No plano técnico, Onde o aire non era brisa, malia a revisión posterior non deixa de ser a obra dun neófito da escrita literaria, que, ao madurecer, chegaría a dominar con tanta perfección o discurso narrativo. Relato enxebre, con trazos propios do costumismo, do realismo, do romanticismo e mesmo do didactismo moralizante. Engalanado, porén, cunha lingua sinxela, directa, eficaz e ateigada de recursos líricos e expresivos que máis tarde rebentarían con tanta eficacia  na abondosa produción literaria da escritora. Cómpre pois achegarnos a esta obra póstuma de Mª. Victoria Moreno como unha homenaxe editorial á muller e á escritora que, desde  a súa chegada a Galicia, se identificou  de xeito definitivo coa nosa lingua e coa nosa cultura.

Source: NOVENOITES

2017-07-04T22:01:55+00:00 04 / 07 / 2017|Novenoites|