Noriega Varela e As San Lucas

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Noriega Varela e As San Lucas

Noriega Varela e As San Lucas

Antonio Noriega Varela naceu en Mondoñedo, nunha casa que levaba o número 9 mesmo a carón do Campo e Alameda dos Remedios, polas San Lucas de 1869. Era o día de vésperas, o 17, de hai século e medio e desde entón, á marxe de aniversarios e cabodanos, foron varios os sucesos que protagonizou vencellados a estas datas outonais. O día 18, día principal das San Lucas, foi bautizado e inscrito na inclusa de Mondoñedo cos nomes de Antonio Manuel Jesús María, apelidado Expósito por ser fillo de pai e nai descoñecidos. A nai recoñeceríao pouco despois; do pai, polos menos oficialmente, nunca se soubo.

Os organizadores das San Lucas de 1895 convocaron varios concursos, entre eles un certame literario para o mellor poema en galego que se presentase, premio que recaeu nun composto por un Noriega aínda mozo, forte, rubio e colorado, afeccionado a romarías e parrafeos, baixo o título De Ruada. No acto de entrega dos galardóns, celebrado o día 21 de outubro no Salón Teatro do Casino, Noriega leu en público o seu poema, o primeiro premio que recibía e o punto de arranque dunha longa carreira como versificador e declamador.

Antonio Noriega Varela

Polas San Lucas de 1913, logo de pasar tres anos angustiosos en Calvos de Randín, incórporase á escola de Trasalba, lugar onde Noriega, a través da amizade con Otero Pedrayo, vai ser un home feliz.

Nas San Lucas dese mesmo ano estaba anunciada a estrea dunha composición musical de aires rexionais da autoría de José Castañeda que levaba por título, precisamente, “N’as San Lucas”, e cuxas letras se atribuían a Leiras Pulpeiro e Noriega Varela.

E tamén foi polas San Lucas de 1930 cando se colocou a placa na rúa que agora leva o seu nome e que antes se chamaba Pasadizo do Cantón. O mesmo día tamén se colocaron nas rúas respectivas as dedicadas a Manuel Leiras Pulpeiro e a Pascual Veiga. O tres actos tiveron lugar o día 20 de outubro, ás catro da tarde, un tras outro, en honra ao trío que segundo El Progreso da época constituía un ”tríptico preclaro en el altar de los entusiasmos mindoniense”. As placas, por certo, foran unha xentileza da Sociedade «Mondoñedo y distritos», de Bos Aires e xa levaban agardando o seu destino definitivo dese 1928.

E nun 19 de outubro das San Lucas de 1967 don Ramón Otero Pedrayo falou en Mondoñedo, no Casino, en “Homenaxe a Noriega Varela”. Velaí a voz portentosa do Patriarca, recuperada grazas á colección “As Nosas Voces” do Consello da Cultura Galega.

https://www.youtube.com/watch?v=ssuTlgVkxmc

Ramón Otero Pedrayo

Este domingo, día 20 de 2019, diante da casa que foi de Noriega, a carón da Fonte Vella, na rúa que leva o seu nome, farase un modesto recordatorio con motivo dese século e medio que pasou desde o seu nacemento, acto que se completará despois no Auditorio Pascual Veiga coa interpretación na voz de Xulia Nogueira e o acompañamento ao acordeón de Suso Álvarez de dous poemas de Noriega musicados por Xan Carballal.

E como os prognosticadores do tempo anúnciano revolto para As San Lucas deste ano traémos aquí un dos seus poemas, datado en 1939 e titulado “Pró meigo que pronosticou bo tempo prás San Lucas”. Parece ser que o bruxo aquel augurara un tempo delicioso, mais, pola contra, viñeron, agás días mainos, greas de lóstregos e tronos, auga a xarros, a canados, a barreñós, a caldeiros, e ata, seica, caian zamelos (castañas cocidas). Total, que en agradecemento, o poeta remata os versos ofrecéndolle xeneroso a aquel tan desacertado home do tempo “que lle hei de untar ben os ósos, e máis non ha de ser con sebo”. Oxalá que no vaticinio para os días das San Lucas deste ano tamén se equivoque o meigo!

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-10-16T16:25:13+00:00 16 / 10 / 2019|Caderno de campo|