Noriega Varela, dobre efeméride en 2019

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Noriega Varela, dobre efeméride en 2019

Noriega Varela, dobre efeméride en 2019

Este 2019, amais de prepararmos a apertura da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a nación das letras galegas debe prestarlle atención á dobre efeméride doutro mindoniense ilustre .

Antonio Noriega Varela (Galicia en Madrid, nº 39, 1935)

Antonio Noriega Varela (Galicia en Madrid, nº 39, 1935)

Antonio María Jesús Manuel Fernández-Noriega Varela naceu en Mondoñedo, Campo dos Remedios, o 18 de outubro (día grande das San Lucas) de 1869 e faleceu en Viveiro o 23 de marzo de 1947. Ademais, o 17 de maio cumpriranse 50 anos do 17 de maio de 1969 no que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Vai facer 150 anos do nacemento e 50 dunha homenaxe singular; dous motivos suficientemente importantes que merecen cumprido e xeneroso recordatorio, tanto en Mondoñedo e en Viveiro, e, sobre todo, por parte das institucións e organismos que teñen a delicada obriga de xestionar a memoria da cultura do país.

Noriega Varela foi un poeta popular, quizais dos máis admirados e premiados do seu tempo. Recibiu numerosas homenaxes, tanto en Galicia como fóra dela, moi requirido para participar en eventos de todo tipo. A homenaxe que se lles fixo en Mondoñedo en 1930 a Veiga, Leiras e Noriega (o único vivo entón) foi memorable.

Os seus versos, ademais da alta calidade técnica, viaxan cargados de dinamita retranqueira, de humor intelixente e fino, sempre adobados cun sentido fondo lírico. Foi o gran cantor das brañas e do que nelas se cría, e tamén dos costumes, festas e romaxes populares desde aquela extensa descrición da fía de Cesuras que titulou “De ruada” e que lle valeu o primeiro premio no concurso das San Lucas de 1895. Obras como Montañesas, despois Do Ermo ou a póstuma Tenuis Pluvia permítennos ver unha evolución que, sen distanciarse das temáticas recorrentes, transita desde o costumismo ao modernismo con retoques cultistas refinados.

Pero Noriega, herdeiro poético que non ideolóxico de Leiras Pulpeiro, ademais de excelente poeta, foi mestre de profesión, xornalista e filólogo de vocación. Vinculado ao momento fundacional das Irmandades da Fala en Ourense, pronto se distancia do rumbo tomado por estas pois, como algúns outros, non entende a lingua e a literatura como centro da reivindicación nacional.

Como xornalista colaborou en numerosas cabeceiras, entre elas algunhas de intención humorística como o focense !Guau…Guau!, na compaña de A. Villar Ponte, ou o mindoniense Don Fino, publicacións agraristas e anticaciquís ambas as dúas.

Como mestre andou por numerosos lugares, mesmo padeceu desterro, e nalgúns deles, caso da Graña de Vilarente en Abadín, prestou tan especial atención á lingua que ali naceu Como falan os brañegos, un compendio dun milleiro de locucións, frases, cantares e adiviñas, transcendental para o coñecemento do idioma e do noso folclore.

O profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato é o autor do máis extenso e mellor documentado estudo sobre Noriega Varela. Inclúe biografía, edición da obra completa e unha profunda análise do quefacer do noso poeta. Son dous tomos editados pola Deputación de Lugo en 1994 que ben merecen ser reeditados, se cadra ampliados os seus contidos con novos datos do poeta que amou a flor do toxo e que “morrín na beiramar sen despedirme das uces, das queirogas, das folerpas da neve, das mozas da montaña e da montaña mesma” (Cunqueiro dixit).

Tempo haberá durante este ano 2019, coa desculpa da dobre efeméride, de ir debullando vida e obra dun dos grandes das nosas letras.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2018-12-30T10:06:10+00:00 30 / 12 / 2018|Caderno de campo|