‘No ventre do silencio’, os vinte anos de silencio narrativo de Ferrín

Inicio/INFORMACIÓN/Letra en Obras/‘No ventre do silencio’, os vinte anos de silencio narrativo de Ferrín

‘No ventre do silencio’, os vinte anos de silencio narrativo de Ferrín

Cos 81 anos cumpridos, Xosé Luís Méndez Ferrín é para moitos o máis grande escritor galego vivo. Mais este  2019 tamén se cumpren 20 anos de mutismo narrativo. Dende que en 1999 publicase con Xerais a novela No ventre do silencio, Ferrín non fixo pública máis obra narrativa. Atrás quedaron xoias da literatura galega do século pasado: Arraianos (1991), Antón e os inocentes (1976),  Elipsis e outras sombras (1974) Retorno a Tagen Ata (1971) ou O crepúsculo e as formigas (1961), entre outros títulos tamén sobresaíntes.

O último dos artefactos narrativos ferrinianos, No ventre do silencio, retrata cun estilo pormenorizado a Compostela dos anos 50 e as guerras políticas soterradas no cerne da ditadura franquista. Ferrín segmenta co seu bisturí literario as clases sociais da cidade e tamén bota luz sobre os xermolos que posibilitarán a emerxencia en anos posteriores dun movemento nacionalista de esquerdas.

O seu traballo coñecido como escritor nestas dúas décadas foron tres títulos de poesía: O outro (2002), Contra maquieiro (2005) e Era na selva de Esm (2005). A isto hai que sumar a publicación habitual de artigos xornalísticos no diario Faro de Vigo e algunhas colaboracións en obras colectivas.

 

Source: Letra en Obras

2019-10-08T16:05:40+00:00 08 / 10 / 2019|Letra en Obras|