NO CLAUSTRO DO MUSEO DO PRADO RECIBINDO O PREMIO NACIONAL DE LIX

Inicio/INFORMACIÓN/Versos e aloumiños/NO CLAUSTRO DO MUSEO DO PRADO RECIBINDO O PREMIO NACIONAL DE LIX

NO CLAUSTRO DO MUSEO DO PRADO RECIBINDO O PREMIO NACIONAL DE LIX

Os galardoados

Pasou ano e medio dende que me comunicaron que gañara o Premio Nacional de LIX o día 3 de outubro de 2017. Estaba fronte ao mar esa mañá, cando me chamaron.
     poemar nacional. parabéns” enviárame un chisco antes Manuel Bragado ao móbil. Emoción intensa e bágoas. Non o podía crer. parecíame imposible.
     
     O 19 de marzo de 2019 recibín o galardón da man da Raíña Dona Letizia.
      Poemar o marlevaba tempo espallándose pola xeografía nacional, enchendo de ondas poéticas moitos territorios, algúns deles de terra adentro. Nenos e nenas de distintas latitudes bañáronse –e seguen a facelo- no meu mar poético. En galego e en castelán para agrandar o seu efecto mariño-poético.
    

Recibindo o diploma

     O acto foi sinxelo. O lugar, fermosísimo: o Claustro do Museo Nacional do Prado, en Madrid, claro. Excelente o discurso de Rosa Montero e necesarias, as palabras de Blanca Berasategui. Reivindicación  da literatura e chamamento a facer da cultura algo vivo e necesario.
     

     
     Cando subín recoller o diploma pensei en Galicia. Mil sentimentos revoltaron dentro de min en poucos segundos. Ao volver  ao meu sitio, unha estraña sensación de incerteza invadiume. E agarreime inconscientemente á figura de Rosalía. Foron uns segundos de fusión coa gran poeta galega. E lembrei a Rafael Alberti, que tanto me axudou a crer en min. Todo sucedeu moi rápido pero deixoume unha pegada imborrable.
     Unha vez máis sentín no meu interior a emoción da Galicia que amo tan fondamente. De novo, a nosa literatura brillaba e era recoñecida ao máis alto nivel. E cun libro de poesía!
    

Con Susi

     
     Nese marco marabilloso sentinme orgulloso do acadado. E  nel, nun acto tan especial, vivín a felicidade de estar acompañado pola muller que leva ao meu lado máis de corenta anos, Susi, e que tanto fixo para que eu chegase ata onde estou agora. Pero a satisfacción foi maior ao ter alí, á miña beira, a miña filla Noa, acompañada de Iván Ferreiro. Un orgullo.E dous amigos, case irmáns, os que tanto quero como son o poeta Juan Carlos Martín Ramos e a marabillosa Lurdes López. Todos eles e elas arroupáronme nun intre tan intimamente inesquecible e desfrutaron comigo.
 

Lurdes, Susi, Juan Carlos e Iván

            O tempo vai pasando. Eu non deixo de seguir levando a poesía cara ao corazón das persoas, en especial, á rapazada. Precisan dos versos. E gústanlles cando se lles achega con paixón e agarimo.

     Dixen o mesmo día da concesión deste premio que me ía facer estar máis próximo ao lectorado e ás persoas que traballan a prol da divulgación da lectura. Dixen, tamén, que era un enorme recoñecemento á poesía como xénero –tan esquecido- e, xaora, un novo galardón á nosa literatura galega e ao seu idioma, un ben de grandes dimensións que algúns intentan non só minimizar, senón, ademais, borrar con indignas decisións.
     

Con Noa e Susi

     Velaquí queda a mensaxe: ler e ler moito en galego. Porque temos unha lingua que é un tesouro que ninguén nos pode roubar.

     Ah! e lamentar a actitude, verdadeiramente lamentable, da señora Ruiz de la Prada que deu a nota dende que entrou no Claustro (ademais do vestido que lucía) e que me fixo sentir vergonza allea. O que hai que ver!

Feliz, co premio

Source: Versos e Aloumiños

2019-04-11T17:49:00+00:00 11 / 04 / 2019|Versos e aloumiños|