Narrativa bonsai. Como fermosas fórmulas matemáticas

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Narrativa bonsai. Como fermosas fórmulas matemáticas

Narrativa bonsai. Como fermosas fórmulas matemáticas

Á sombra dos bosais

Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia, Vigo, 2017, 208 páxinas.

Encabezada por un titulo que lle fai xustiza á natureza e ao contido do libro, Antón Riveiro Coello achéganos a súa primeira incursión no subxénero do microrrelato. Emporiso, o autor confesa que é na novela onde máis cómodo se atopa, mais, “arrimado a vertixe das redes”, naceron coma un divertimento outras cousas miúdas ao xeito de micropostais coas que mesmo podía manter unha certa interacción cos lectores. Así xermolou unha boa parte dos textos que lle dan forma e contido a este libro. Outros son inéditos ou tiveron unha primeira vida en publicacións colectivas. A súa finalidade: narrar o mundo con textos casa vez máis diminutos, se ben con disposición arboriforme: máis longos -tres ou catro planas- os das primeiras cincuenta e oito páxinas e unha soa folla os restantes, acadando a maior brevidade e concentración no derradeiro, “Infarto flamenco”, con tan só tres palabras (“Morreu nun ai”) que trae ao recordo o xenial hiperbreve de Ernest Hemingway que o escritor norteamericano consideraba o mellor da súa obra, “Véndese: zapatos de bebé sen usar”

Case que un cento de microficcións, das que a terceira parte corresponden ás que abren a publicación e cadrarían coas gallas máis baixas. Son verdadeiros contos breves, se ben manteñen algúns dos trazos da minificción, nomeadamente  o do desenlace sorpresivo. Saliento entre elas, “O home que matou a Franco”. As restantes axústanse ás convencións do microrrelato: títulos que focalizan os contidos e nalgúns casos son imprescindibles para completar o sentido xa que cumpren a función de conducir o lector na dirección que desexa o autor. Mostras sobranceiras, na miña estima, desta función dos rótulos son “Meticuloso”, “O coleccionista”, “Arraianos” ou “A hipocondríaca”. Abranguen temáticas moi diversas, pero todos eles conteñen unha historia, a narración de algo. Superan, xa que logo, a simplicidade do aforismo ou da ocorrencia. Historias, xaora, cribles sen que faga falla que sexan enteiramente coherentes. Os significados de cadanseu microrrelato amósanse escasamente esbozados, apenas insinuados, esteados en mecanismos coma o dobre sentido: a posibilidade de que o texto signifique non soamente o contido semántico das palabras, senón que encerran outras connotacións que o lector deberá atopar para completar a narración. Función que se acrecenta nalgún caso, como “A pedida de man”, cando o autor xoga co sobre sentido das palabras que animan ao lector a inmiscirse no xogo e tomar parte no mesmo.

 

Antón Riveiro Coello

 

Todos os microcontos de Á sombra dos bosais son relatos que desenvolven unha situación narrativa singular formulada nun espazo e suxeitándose a un discurso temporal, aínda que algúns elementos (acción, espazo, tempo) estean soamente suxeridos. Teñen asemade a virtude de provocar no ánimo do lector impresións que poden ser de sorpresa, sorriso, reflexión, compaixón… Algúns dos microrrelatos conteñen na súa brevidade unha xenuína teoría verbo dos problemas e actitudes do mundo actual; reproducen pequenos detalles dunha sociedade absurda á que parodian ou caricaturizan desde a sátira e a retranca. Saliento por último quizais o máis importante da microficción, presente nesta entrega: a concentración  ao máximo que os converten en prosas fermosas como fórmulas matemáticas, con desenlaces sorpresivos en moitos deles. É aí onde recibimos a labazada.

 (Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 30 de novembro de 2017)

Source: NOVENOITES

2017-12-05T16:10:11+00:00 05 / 12 / 2017|Novenoites|