Na tundra de Carlos

Na tundra de Carlos

Andei algo afastada destas terras. Tanto, que nin sequera vos falei da presentación deste libro, Tundra, de Carlos Negro. Unha presentación que tivo lugar na nosa vila (xusto antes de comezar as vacacións do nadal) e que me ofreceu a oportunidade de estar canda el e a súa familia. Vaia, de estar entre coas amizades, que sempre presta.
Tundra, XVI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, publicado por Espiral Maior, supón un cambio na poética á que nos tiña acostumadas Carlos, cando menos respecto aos seus últimos traballos que tantas satisfaccións nos dan nas aulas.
E Carlos falou:
Tundra significa fuxir dos camiños andados. Non saber se existe algo máis alá do xeo, no alén da distancia. A palabra equivale a un equipo de supervivencia nun clima extremo. Mínima, ao límite de si mesma. Mochila de aire, fogueira, cabana, bocalada de osíxeno un intre antes da extenuación do explorador. O amor é apenas unha runa de inverno, pegadas perdidas na neve, a calor dos corpos a loitar contra a hipotermia, o logo do instinto a ouvear fóra, osmando o desexeo. Máis alá do desexo, o universo podería chamarse Siberia. 
Máis alá da palabra, está a Montaña. Un límite do sublime. O abismo romántico. O non pronunciable, por moito que o intentemos. A Montaña dise Candán, a memoria da nevarada, o inverno, o frío convertido en segunda pel da infancia.
Na tundra a linguaxe sobrevive como un monstro expulsado do paraíso, como eco dun ouveo primixenio que ninguén traduce. Algo que nos atrae máis alá do horizonte. O xigante ártico, o deus anterior a todos os deuses.
E agora que xa o lin, que podo eu engadir ás súas palabras? Só a recomendación de que paseedes pola tundra de Carlos, pola montaña silenciosa, polo branco primixenio. O compás deixa de ser preciso nesta nosa viaxe onde o poema precisa de poucas palabras, onde a civilización deixa a súa pegada inexistente, onde arrefría o tempo da escrita e da verba non suxerida. U-lo lume da paixón? Porén, a paixón é unha palabra repetida, devorada por “microclimas adversos”, sen un refuxio que nos cubra dese monstro sen nome, sen voz, sen gorxa, e mesmo efémero.  
A tundra agárdanos, paseemos por ela.

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2018-01-09T17:46:00+00:00 09 / 01 / 2018|Trafegando ronseis|