Na procura da cerna de si mesma

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Novenoites/Na procura da cerna de si mesma

Na procura da cerna de si mesma

As entrañas horas

Emma Couceiro

Ediciós do Castro, O Castro, Sada ( A Coruña), 60 páxinas.

(Libros de fondo)

 

Emma Couceiro (Cospeito, Lugo) é unha poeta dos anos 90, promesa e realidade consolidada con dous poemarios publicados ao final da década: Humidosas (1977) e As entrañas horas (1998). No ano 2003 deu ao prelo o seu último libro: Cito. Desde entón, o silencio. As circunstancias da vida e o feito de que en Galicia resulta imposible vivir da escrita e menos da poesía, explican que nestes anos Emma Couceiro non teña publicado ningún outro libro de seu. Mais na poesía de Emma Couceiro reloce unha notabilísima calidade. Alguén ten escrito que Emma Couceiro é a mellor aínda que teña deixado de escribir.

Velaquí as razón da miña volta á poesía da poeta de Cospeito, en concreto á do seu libro As entrañas horas (1998), un poemario ganador en 1997 do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón na súa décima edición: o engado dos seus poemas e un certo pesar, mala conciencia porque eu tamén me pregunto por que a deixamos pasar, por que non lle pedimos máis, por que non  a obrigamos a seguir enmeigándonos con seus versos.

As entrañas horas apareceu publicado na colección que leva o nome do poeta de Dodro -o poeta fenecido do Concello que se extasía nas brañas lendarias de Laiño-, en Ediciós do Castro, outra desaparición que non deberiamos ter consentido. Autora: Emma Couceiro, unha das nosas poetas novas naqueles anos e nas que alenta con máis profundidade e brío a respiración lírica, a quen entón eu vía como unha inestimable compaña para saír do século, malia que o seu nome e a súa obra no foron recollidos na antoloxía que leva a denominación finisecular. No seu día, ao ler esta proposta de Emma Couceiro, pensei que a función poética non era algo pequeno, aínda que fermoso (“Small is beautiful”). Agora, ao poder lela en letra impresa, non só me confirmo na anterior sensación, senón que son quen de descubrir as máxicas forzas propias da poesía, que a poesía é forte (Michel Deguy). Os clásicos galegos dixeron o mesmo acudindo a amavías verbais igualmente refulxentes: o grande milagre do mundo.

Onde están as verbas vigorosas que lle dan o significado de forza e enerxía a este libro ata o punto de que o poema deixa de ser, na súa escrita, unha cousa pequena? Dito de forma analítica, que non é seguramente a mellor maneira de abeirarse un ao porto feiticeiro do poema, As entrañas horas é un poemario de xinea  claramente existencial, no que a poeta anda á procura de si mesma, do eu lírico, da cerna de si mesma, a través de varias vías e itinerarios (“marcas anteriores a un embigo lunar”). A vía, en primeiro lugar do propio corpo, das entrañas viscerais e dos líquidos. A perspectiva feminina tan clara igualmente no primeiro libro de Emma Couceiro (As humidosas), co que a poeta dialoga neste.

A súa par, outro camiño: a rota das raíces, os cimentos, a súa historia, a terra sacra, a aldea de pantanos e lendas moi vellas. O corpo íntimo e inseparable, atrapado na raiceira, desandando as veas ata os piares que resisten o tempo: como a pedra, a casa, o forno granítico entre as hedras.

A poeta séntese herdeira de todo isto, da súa terra, mesmo dos vestidos dos seres queridos, e camiña cara a atrás recollendo “traxes de voda secos nos armarios”. Vivir pois coa humidade e coa pedra dentro. Mais tamén con vontade de cambio, porque en comparación co anterior poemario, en As entrañas horas o eu poético exprésase cunha nova tonalidade, máis íntima e asemade, talvez, máis dura e comprometida.

Ademais de todo isto, percibo nos versos de Emma Couceiro: outras alfaias, algunhas moi ousadas: unha rotura coa linguaxe que se amosa na modificación do léxico, na procura de novas palabras para  definir paixóns, nas audacias imaxinativas, na teimosa e consciente fidelidade a certos castelanismos (“estos”, entre outros). É así como a poeta fai renacer o poema sen demagoxias, sen mentiras, con moita naturalidade e, ao mesmo tempo con forza e radicalidade, alicerzándoo na singularidade: “Destruír a historia para conservar as historias. Emma Couceiro, como todas as poetas que desde Xohana Torres se oufanan co berro “Eu tamén navegar”, marca a feminidade dunha forma moi forte e fermosa.

 

Emma Couceiro

E por último sutura o pensamento ou unha certa concepción da existencia coa beleza, como fixeron os poetas da “idade dos poetas” (Celan, Hölderlin…). Como mostra este gromo de ouro: “Que bonito ir até o fondo na na / que bonito non ser nada / que se dormes non hai nada / na na nada / e ademais / teño os pés tan fríos…”

En decembro de 1997, nun acto emotivo que o Concello de Dodro repite todos o anos convocando os veciños co arrebato da poesía, e na memoria de Eusebio Lorenzo Baleirón, Emma Couceiro recibía e agradecía o  Premio cun texto primorosos no que a poeta facía a mellor esexese da súa obra. Tiradas do mesmo estas liñas que se brindan a todas e a todos aqueles dispostos a iniciarse nos deleites das palabras meigas: “Destrucción do tempo, memoria, espazo, historia, para a reconstrución. Un eu no centro da nada, un corpo. E entrañar, adentrar, afondar no corpo. Ser un corpo, percorrelo, asumilo e posuílo. As raíces do corpo. A patria que é a terra e o corpo atrapado nas raíces…A historia que se proclama, a que se constrúe coa palabra. E nacerse.”

Source: NOVENOITES

2018-01-23T22:06:23+00:00 23 / 01 / 2018|Novenoites|