Mudanza, de Xurxo Chapela

Mudanza, de Xurxo Chapela

MudanzaXurxo Chapela

Mudanza

Positivas, Santiago, 38 páxinas, 6 €, 2019

Xurxo Chapela publica un libro, tras o seu Lémbrome -un libro deses polos que non pasa o tempo-, baixo o título de Mudanza, feliz e probablemente inclasificable, que abala entre o discurso narrativo e o poético. No fondo, talvez, tanto teña que se interprete ou considere dun ou doutro xeito pois o relevante descansa en que este é un libro distinto, breve pero intenso en canto ao percorrido que ofrece: evidentemente velaquí unha reflexión, “contada” ou “simulada”, que fai referencia a un cambio, a unha transformación, ao esgazamento que supón ese punto e á parte que se dá na vida cando o amor conclúe, cando non é doado seguir adiante.

Chapela é un escritor ousado e enfróntase a unha temática das máis clásicas e recorrentes na historia da literatura e sae con fortuna deste reto, isto é, o de relatar e deseñar o fracaso vital e sentimental, algo que non é fácil. Faino con orixinalidade, directamente, sen ambaxes, adoptando unha perspectiva honesta marcada pola ironía e mais o humor, e acode ás imaxes visionarias cando cómpre e creo que con resultados moi efectivos. Consegue crear así unha aliaxe única entre o golpe final que se asesta, ese adeus para smepre, tan transparente neste libro, e certo pouso melancólico que nace do que se foi porque “a vida era luns e tiña os días contados”.

Source: Caderno da crítica

2019-09-30T20:10:51+00:00 30 / 09 / 2019|Caderno da crítica|