Mother!

Onte fun ver Mother! Tíñalle ganas. Como sempre que acabo de ver un filme de Arofnosky, non sei se me pareceu unha obra mestra ou unha bosta pretensiosa do tamaño da Cidade da Cultura. O que nunca me deixa é indiferente. Tras repousar o visto unhas horas e debater comigo mesmo, cheguei ás seguintes conclusións:

-Non sei se é por masoquismo, mais resúltame agradábel sufrir con este psicópata. Sempre no gume da grima, da claustrofobia e da incomodidade –tanto estética como ética –as súas propostas non son fáciles de esquecer. O in crescendo de desacougo que propón en Mother! xa o padeceramos, cunha estrutura similar, en Requiem for a Dream e Black Swan.

Hoxe, en Brikomanía…

-Si me sorprendeu, porén, a falta total de contención . Mother! non semella o oitavo traballo dun señor de case cincuenta anos, senón o filme dun rapaz de menos de 30 anos que, tras un debut prometedor, foi contratado por unha produtora forte que lle deu un feixe de cartos para gastar ao seu antollo. Isto non o sinalo como demérito, senón para pór en valor a carencia absoluta de complexos á hora de encarar a historia.

-En canto ás posíbeis interpretacións e simbolismos, a verdade é que saín do cinema cunha teoría que despois non vin reflectida en artigo ningún [OLLO, SPOILERS]. A totalidade das análises concordan en que o guión desenvolve unha alegoría sobre a Biblia. Así, Javier Bardem (o Poeta) sería Deus, Jennifer Lawrence a Terra, Ed Harris e Michelle Pfeiffer serían Adán e Eva, mentres que os irmáns Gleeson xogarían o papel de Caín e Abel. Esta lectura é obvia, e confírmase no intre no que os afervoados seguidores do Poeta devoran –literalmente –o seu fillo para se alimentaren del. Con todo, eu saín da sala coa sensación de que, ademais, me viñan de contar unha historia sobre o proceso creativo; do que significa crear en termos de sacrificio, de elaboración dun espazo simbólico propio que se esborralla unha e outra vez ficando só a súa esencia: o desexo de construír algo de novo.

Psicópata con cámara

Esta é unha lectura moi persoal. Igual se a escoita o cabrón de Arofnosky aínda ri un cacho coas miñas vaidades. Así que recomendo ver Mother! e que cada quen saque as súas conclusións. Sei que moit@s acabaredes cun enfado monumental e coa sensación de que vos acaban de tomar o pelo, mais évos o que hai con este tipo.

Source: O Lugar do Sapo

2017-10-07T13:31:24+00:00 07 / 10 / 2017|O Lugar do Sapo|