Mondoñedo protesta

Mondoñedo protesta

Rafael Coronel y Ortiz

Rafael Coronel y Ortiz

Sucedeu hai exactamente 150 anos. Tras a revolta de setembro de 1868 coñecida como “A Gloriosa”, a que destronou a Isabel II, convocáronse eleccións a cortes constituíntes que se celebraron o 15 de xaneiro de 1869 e nas que resultaron elixidos polo distrito de Mondoñedo catro deputados monárquicos: Rafael Coronel y Ortiz, Mariano Cancio Villamil, Augusto Ulloa y Castañón e Constantino Ardanaz Undabarrena. Logo da aprobación da nova constitución, que foi de pouca dura pero que ten o mérito de ser a primeira democrática pois permitiu que fose o Congreso quen designase para o trono español a Amadeo de Saboya e que logo se mudase a forma do Estado de monarquía parlamentaria a república coa instauración da Primeira República. Un sexenio convulso, si, pero o primeiro da historia de España verdadeiramente democrático.

Mariano Cancio Villamil

Mariano Cancio Villamil

Os catro elixidos eran cuneros. Coronel era ourensán; Cancio era de Oviedo, con varios cargos en ministerios e intendente xeral en Cuba; Ulloa, de Compostela, foi ministro encargado de diferentes carteiras en nove ocasións desde 1859 a 1874, e Ardanza, nacido en Bilbao, foi tamén ministro de Facenda un breve período ao final de 1869.

Segundo consta no diario de sesións das Cortes do 6 de marzo de 1869, o deputado Coronel pide a palabra para trasladar ao ministro de Fomento, Manuel Ruíz Zorrilla, unha carta que os catro deputados recibiran, asinada o 3 de marzo por trinta veciños de Mondoñedo. A misiva contén unha queixa contra o ministro porque na sesión do 24 de febreiro “lanzó sobre Mondoñedo una acusación inmensa” xa que asegurara que non se cumpriran as ordes do goberno sobre incautación de bens da igrexa e “que hace cinco días han querido asesinar al comisionado que tengo en Mondoñedo para inventariar los papeles que se han ocupado en aquella población”. Entre os asinantes da queixa figuran os impresores Perrote e Candia e o escritor Patricio Delgado.

Augusto Ulloa

Augusto Ulloa

Na resposta o ministro afirma que se ben é certo que non constan altercados como os que houbera en Burgos o 25 de xaneiro (que remataran co asasinato do gobernador civil), o comisionado nomeado polo goberno “vio amenazada la vida… y privado de salir á la calle durante cinco o seis días”. O tal comisionado era “el Sr. Villamil, vecino de aquella población, muy liberal, recomendado por otro hombre dignísimo, el señor Murguía”.

O ministro, para rematar, afirmou “hago justicia a todos y cada uno de los vecinos de Mondoñedo; pero deseo quede bien consignado, aquí especialmente, que el comisionado que se entendio tan bien con el cabildo no fué el nombrado por el Ministro de Fomento” senón polo alcalde, Policarpo Carrera.

Constantino Ardanaz

Constantino Ardanaz

O tal Sr. Villamil non era outro, non podía selo, que o noso ilustre paisano don José Villaamil y Castro, que naquel entón residía en Mondoñedo nunha casa que aínda conserva o escudo familiar, mesmo en fronte da fachada principal da catedral. Foi síndico do concello, xuíz e fiscal municipal, ademais de concelleiro.

José Villaamil

Pouco despois destes acontecementos e tras obter o título de Arquiveiro, Bibliotecario e Anticuario do Corpo Facultativo de Arquiveiros-Bibliotecarios en xullo de 1869, trasladouse definitivamente a Madrid en 1873, cidade onde faleceu en 1910.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-11-26T09:30:48+00:00 26 / 11 / 2019|Caderno de campo|