Mondoñedo nunha guía francesa de 1808

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Mondoñedo nunha guía francesa de 1808

Mondoñedo nunha guía francesa de 1808

Alexandre Laborde

Alexandre Laborde

Os cinco tomos do Itinéraire descriptif de L’Espagne de Alexandre Laborde comezaron a publicarse en Paris en 1808. O tomo segundo dedica ao Royaume de Galice unhas 46 páxinas das que Mondoñedo ocupa unha.

Alexandre Louis Laborde (Paris, 1773-1842) era fillo dun banqueiro nacido en Jaca (Huesca) que foi guillotinado durante a Revolución Francesa. Escritor, político e viaxeiro, considerado hispanista apaixonado, pero tamén arqueólogo e historiador. Autor de numerosas obras de viaxes como a que citamos e Voyage pittoresque et historique de l’Espagne (1806-1820), de excelente edición para a época, ilustradas con planos e gravados de moito interese. Alexandre Dumas, o novelista e dramaturgo francés, autor de tantos títulos de sona, declarouse fascinado lendo a Laborde. A  Biblioteca Digital Hispánica ofrece en aberto varias destas obras.

Laborde considera a Galicia o reino máis poboado de España, con arredor de millón e medio de habitantes e asegura que a cadea montañosa máis extensa é a que el chama Serra de Mondoñedo, cordal no que nacen, entre outros, os ríos Miño e Hume (Eume).

De Lugo a Mondoñedo, 9 leguas de distancia, o camiño cruza por Otero de Rey, Bendia, Quintella, Castro de Rey, Reygosa, Úbeda, Vián, Lendín e Mondoñedo. A cidade está situada entre os ríos Sisto e Ruzos, destaca o monte da Infesta e os vales de arredor de exuberante fertilidade. Mondoñedo contaba entón con 5.600 habitantes (Pontevedra tiña 2.000, Vigo 2.500 e Lugo 4.700). Casas sólidas, 5 portas (entendemos que se refire ás da muralla), rúas regulares, praza grande cunha fonte da mellor auga e aínda outras que axudan a manter o frescor, a limpeza e a salubridade do aire. Había sete igrexas, incluída a catedral e os conventos, un seminario e dous hospitais.

En 1826 publicouse en Valencia unha segunda edición en castelán (a primeira é de 1816) baixo o título Atlas del itinerario descriptivo de España con notables e curiosas licenzas do tradutor. Poñamos só dous exemplos. Un referido á suposta práctica da covada, sen mencionala, entre as parellas galegas. Mentres o orixinal en francés di “quand elles accouchoient, leurs maris se mettoient au lit, coutume aussi bizarre qu’absurde”, na correspondente versión en español elúdense os calíficativos “bizarre e absurde” para escribir “cuando estas parían sus maridos se metían en cama: costumbre que aun hoy día se supone observada en algunos puntos de la América meridional”.

E estoutra. Ao facer un comentario sobre as mulleres galegas di que “Les femmes son blanches, assez belles, ont des cheveux et des yeux noirs, les dents nettes et bien rangées, des traits réguliers et inmobiles”, ao que o tradutor engade un calificativo da súa colleita, inexistente no orixinal: “Las mugeres son varoniles, hermosas, y de un cútis blanco, sus ojos y cabello negro, los dientes limpios y bien ordenados”.

E outra curiosidade para rematar. Na versión francesa, o autor menciona os principais ríos galegos e cita o Eo, especificando que tamén se lle chama Rio de Miranda, denominación ben interesante que na versión en castelán desaparece.

©Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-04-05T08:22:27+00:00 05 / 04 / 2019|Caderno de campo|