Mondoñedo, grazas

Mondoñedo, grazas

Ás veces, tamén en Mondoñedo, o silencio estoura en berros de dor e morte. Iso foi o que aconteceu aquela mañanciña do 11 de xaneiro de 1938 cando elementos fascistas e gardas civís asasinaron a traizón, con nocturnidade e aleivosía, a Graciano Paz, Siervo González e Manuel Rodríguez.

Tres homes bos dos que deberamos lembrar, en vez da súa tráxica morte, o seu empeño por intentar facer mellor a Mondoñedo. Nin unha cruz, nin unhas flores, como é costume poñer onde houbo mortes violentas. Nada de nada. Tras os berros, campou de novo o silencio.

Co seu activismo social, sindical e político, desde asociacións, sindicatos e partidos, só procuraron, mentres lles foi permitido, un mellor pasar para a maioría dos mindonienses. Loitaron pacificamente contra a ditadura de Primo de Rivera. Combateron coa palabra desde as institucións e organizacións legais da II República. Padeceron persecución, prisión e morte tras a sublevación do 18 de xullo de 1936.

Durante demasiado tempo, mesmo despois de evaporarse por efectos biolóxicos o ditador, fomos colectivamente fillos do medo e escravos do silencio. O medo, a ignorancia e a desmemoria fixeron o resto: Non remexas! Non digas! Non fales! Ás veces o refraneiro ten razón: Quen cala, outorga, consente, esquece, ignora. Pero os mortos, aínda que pareza un contrasentido, non sempre morren.

Graciano Paz Amieiro, 45 anos, pai dunha nena e latoeiro; Siervo González Rivas, 52 anos, empregado municipal, catro fillos, e Manuel Rodríguez Núñez, 45 anos, comerciante, son os seus nomes. Os tres eran xente do común, con familia e fillos, pero tiñan un grave problema: ideas. Ideas para progresar e mellorar, ideas para cambiar o que non servía, para modernizarse e crear futuro onde o pasado deixara de xerar esperanza.

Se non pasase o que pasou ese sería o seu legado. Mais a besta do terror sempre desperta porque precisa sangue das vítimas, vomita violencia, divide o mundo entre bos e malos, alimenta o ocio, goza envorcallándose na lama onde se crían os instintos máis miserables.

Moitos familiares están coñecendo aínda agora, en terceira xeración, o que pasou realmente. Se triste é o silencio social, máis desgarrador aínda é, cando a verdade é outra, o que goberna a herdanza íntima familiar construída sobre unha culpa inexistente ou un falso pasado.

Grazas, sobre todo, a un pequeno grupo de persoas, mindonienses e mariñaos, que tanto fan por desempoar ese longo silencio arredor destas vítimas e doutras que tamén foron asasinadas, presas, torturadas, sinaladas e borradas da memoria pública e privada. E grazas, Mondoñedo, colectivos, partidos políticos e institucións porque así si podemos sentir orgullo de estarmos en silencio só cando queremos; nunca, endexamais, cando nolo impón a barbarie ou o medo.

Os mortos non sempre morren, ou non o fan de todo como desexarían os seus asasinos. Quizais non sexa casual lembralos nestes tempos de rearme da intolerancia Co monólito que se inaugura chántase na espiña dorsal da dignidade a triste memoria dun horrible atropelo.

Ás veces, tamén en Mondoñedo, como xa aconteceu o ano pasado e vai acontecer este 12 de xaneiro de 2019, o silencio estoura en berros de xustiza, de verdade e de memoria para as vítimas. Que así sexa para sempre!

© Antonio Reigosa

Publicado en El Progreso. 9 de xaneiro de 2019

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-01-09T19:02:07+00:00 09 / 01 / 2019|Caderno de campo|