Míriam Ferradáns sobre Lapis na noite

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Míriam Ferradáns sobre Lapis na noite

Míriam Ferradáns sobre Lapis na noite

Este pasado xoves 18 de outubro Lapis na noite presentouse en Bueu, concretamente na biblioteca Torrente Ballester, ao abeiro do interese e organización do libreiro Fernando Miranda, a quen lle agradezo todas as atencións prestadas, como tamén ao propio Concello de Bueu. Hoxe traio ao este blog a intervención de Míriam Ferradáns, que nos acompañou felizmente naquel serán a carón de Lucía Novas.  Toda a miña gratitude para  ambas as dúas presentadoras e amigas.

 

Lapis na noite é un libro de vidas que se cruzan despois da propia vida. É un libro de posterioridades, onde a reflexión sobre as ditaduras, e as súas consecuencias, vai imporse sobre toda a obra.

É un libro extensible pois non remata coa última folla: deixa un pouso de necesidade de indagación, de novos coñecementos.

Lapis na noite é un grito a prol da necesidade da reparación coas vítimas das ditaduras. Un berro de xustiza e dignificación no que se indaga na dor das vítimas, nas consecuencias do acontecido e na “aparente” normalidade na que a vida transcorre ata que acontece. Os destellos que advirten pero non se acaban de asimilar. Así, o libro permítenos ser observadores do fraguado dunha ditadura, do sibilina que é a súa chegada: nada parece acontecer, ata que acontece e os feitos se precipitan.

Iria, unha das protagonistas, o lirismo personificado para min desta novela, é unha flor do xacarandá que se abre xa avanzada esta novela que engancha;  valente, soñadora, moza, que unha a imaxina cheirando a violetas e deixa un ronsel de música e esperanza. Iria é o elemento de vehiculización que emprega o autor para contar como as elites cívico-militares arxentinas comenzaron os seus movementos pro-alzamento pola semente que é por onde se comeza cando se quere erradicar un froito: pola raíz. E dende ese momento, estudantes represaliados, asasinados, meniños roubados, nais e pais que ven como  levan ós seus fillos a empurróns na noite…, asistir á dor de Ramiro, o seu pai, e da súa nai, Tatiana, nunca consolables, marcados para sempre…, porque esta novela fala de dor e horror pero coa elegancia de quen sabe facelo.

Mención á parte merecen as referencias musicais que permiten entender como mudaba a realidade do momento, como a censura traballaba arreo no que eles daban en chamar “operación claridade”, a través da cal exercían tamén censura sobre os libros. O tipo de libros e de música que son prohibidos deixan á vista sempre, o tipo de ditadura á que se enfronta un pobo. Na novela, moi documentada e, polo tanto, dotada de absoluta verosimilitude, adica un capítulo a estes libros e cancións.

Pero a música que comparte un pobo, que forma parte del, é imparable, sobreponse á dor, aprende a convivir con ela e Ramón Nicolás convértea en arma nunha das pasaxes máis fermosas e definitivas de Lapis na noite.

Aquí dous pequenos fragmentos de algunhas cancións que aparecen referenciadas e que dan levemente a medida do lirismo que impregna o Lapis e da capacidade de quen escribe para traspasar ao lector de parte a parte.

“y aunque nazcas preso, te traigo también:

Se precisan niños para amanecer”

“Gurisito”, de D. Viglitetti

 

“Detrás de las paredes que ayer se han levantado

te ruego que respires todavía”

“Rasguña las piedras”, de Sui Géneris

Míriam Ferradáns

Source: Caderno da crítica

2018-10-21T11:18:03+00:00 21 / 10 / 2018|Caderno da crítica|