Milagre en San Cristovo

Milagre en San Cristovo

O lugar de San Cristovo, parroquia d’Os Remedios (Mondoñedo), sitúase na aba do outeiro que coroa o castro de Zoñán, a carón da estrada provincial LU P-3106 entre Mondoñedo e Abadín. Só ten tres casas, a dos Pepitos, a de Monterroso e a de Xerrín. Algo afastada está a capela dedicada ao santo que lle dá nome. Tamén hai unha fonte con auga sempre fresca á que, segundo contaba o meu avó, levaban os mouros do castro os cabalos a beber por un camiño soterrado.

Dos vellos que alí vivían e que eu coñecín xa non queda ningún pero as tres vivendas están repoboadas de herdeiros e aínda (o que non é milagre menor) se fai lume nas tres todos os días do ano.

A vella capela ten o adro cuberto e pode ser do s. XIII pois conserva modillóns de feitío gótico. No interior hai varias imaxes, entre elas unha cativa dun San Cristovo que lembro ter bicado ao poñérenme o santo cando neno. Teño memoria das merendas o día da festa, manteis ben provistos de viandas que se despregaban sobre a herba do costeiro que hai por enriba do camiño dos Cucos. Agora xa non hai merendas pero segue habendo festa e misa cada segundo domingo de xullo, con bendición de autos.

O 25 de xuño de 1889 a romaxe do San Cristovo comezou a celebrarse nunha capela próxima ao Formigueiro, chamada do Santo Cristo, ou de San Brais, daquela acabada de restaurar e hoxe arruinada, que rexentaban, con autorización de recibir ofrendas e esmolas, os frades Pasionistas do Convento dos Picos. A prohibición de celebrar misa na capela de San Cristovo ordenáraa Segundo A. Palacios, gobernador eclesiástico e irmán do antigo bispo J. Manuel Palacios. A festa do San Cristovo regresou á ermida do mesmo nome en xullo de 1901, logo de que o veciño Rosendo Crespo Bouso lle comprase a capela ao estado e fose recoñecido como administrador polas autoridades eclesiásticas.

Ricardo Bodenlle Corral, entón estudante no Seminario de Mondoñedo, publica o 3 de agosto de 1912 no xornal El Cruzado de Mondoñedo un artigo titulado “¿No existen ya milagros?” Conta que o ano 1890 cando tiña tres anos e tes meses de idade, estando impedido, coas pernas e os pés tan débiles que só podía andar apoiado en muletas, xa desafiuzado de médicos e despois de visitar outros santuarios, chegou  da man da súa nai á ermida de San Cristovo “en las afueras de Mondoñedo”. Acompañábana outros 70 romeiros da parroquia natal e doutras veciños. Chegados alí,  a nai colleuno no colo, o encargado de poñer o santo deulle a imaxe a bicar, e logo pediulle unha muleta. E o neno deulla. A seguir, unha señora ofreceulle un rosario de contas de nácar a cambio de que lle cedese a outra muleta. E, ao instante, “tras un movimiento de temblor, advertido en mi cuerpo por todos los circustantes, me levanté de repente, pidiendo que me dejasen paso…”

E así foi como sucedeu o milagre. Evito os comentarios de sorpresa e alegría que obviamente se produciron entre familiares e veciños ao ver andar sen apoios ao pícaro eivado. “¿Fué milagro? La iglesia me impide afirmarlo” conclúe o autor.

Ricardo Bodenlle Corral naceu o 22 de marzo de 1886 en Santa Cristina, concello de Cospeito, foi ordenado sacerdote en 1914 e tras exerceu como párroco por diversos lugares morreu o 24 de xaneiro de 1967. Figura na nómina de poetas da Escola Literaria da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, e como tal  aparece no libro “Un alpendre de sombra e de luar” de Félix Villares Mouteira. Só publicou un libro con poemas en galego e castelán titulado “El Bien y el Mal. Verdades en Verso” (Lugo, 1953).

Para rematar, o escribidor comparte coa lectora ou co lector unha dúbida; se o neno tiña tres anos e tres meses cando o prodixio, o tal non puido suceder en 1890 senón en 1889. E, en calquera caso, fose en 1889 ou en 1890 como el afirma, e aínda que se celebraba a festa de San Cristovo o suceso non puido acontecer na capela propia senón na do Santo Cristo (ou de San Brais) que comezaban a rexentar os Pasionistas dos Picos. Aínda que non lles durase a concesión da celebración do San Cristovo máis ca doce anos, si que comezaban coa sorte de cara os novos inquilinos dos Picos. Levaban aí menos de 4 anos!

© Antonio Reigosa

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2017-12-06T19:36:42+00:00 06 / 12 / 2017|Caderno de campo|