Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido en edición de Anahí Almasia e Mariela Sánchez

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido en edición de Anahí Almasia e Mariela Sánchez

Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido en edición de Anahí Almasia e Mariela Sánchez

Antón Santamarina (entrevista), Anahí Almasia e Mariela Sánchez (edición)

Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido (limiar de Xesús Alonso Montero)

Alvarellos, 412 páxinas, 22,50 euros, Santiago de Compostela, 2018.

 

Relata o profesor Antón Santamarina, nunhas páxinas introdutorias deste libro como, en 1998, entrevistou longamente a  David Álvarez Carballido (A Fonsagrada-Lugo, 1922-2017), na aldea común de ambos os dous en San Martín de Suarna. Pasaron anos e aquel proxecto de publicar un libro de entrevistas ve a luz tras un laborioso e intenso traballo de edición, realizado na cidade de Buenos Aires onde viven Anahí Almasia, psicóloga e sobriña do entrevistado, e mais a doutora, especialista en memoria histórica, Mariela Sánchez, responsables asemade de dous textos que entendo de lectura obrigatoria sobre os problemas e os desafíos que supón arrostrar un traballo como o que elas realizaron, con excelencia por outra parte. Por experiencia persoal sei o que supón dispor dun material en forma de gravacións e ter que darlle forma para construír un libro que, de ser posible, flúa de maneira atractiva e clara…, obxectivo que aquí se consegue a través dunha ordenación modélica do material orixinario.

Particularmente sabía de David Álvarez Carballido e do seu antifascismo por algún traballo publicado e algunha conversa persoal con Xesús Alonso Montero, autor do prólogo deste libro onde apunta, significativamente  que este libro fala de alguén que suscitou nel moita admiración e auténtica “devoción moral”. Nestas páxinas tamén explica as claves do que denomina con acerto “unha autobiografía provocada”, sustentadas súa militancia comunista, na súa formación autodidacta, na súa presenza como emigrante en Buenos Aires, no trato con personalidades exiliadas do galeguismo, no seu retorno e no seu ingreso no cárcere pola denuncia que fai do fusilamento de Julián Grimau. Tras achegarse a este libro non cabe dúbida que estas páxinas revelan unha traxectoria verdadeiramente sorprendente que culminou, dalgún xeito, cando no ano 2014, superados os noventa anos, acode ao consulado arxentino para interpor a súa denuncia na querela do país austral contra os crimes do franquismo.

Alonso Montero conclúe as súas páxinas prologais apuntando os valores de honradez, modestia, lealdade e espírito de entrega dun “cidadán exemplar”. No libro testemúñase, claramente, un percorrido vital marcado por estes principios e na súa exposición natural o autor parece sempre querer estar detrás, isto é, ofrecer tan só un testemuño do vivido e experimentado do que, por outra parte, é innegable que o resultado obtido é espléndido, grazas tamén a unha memoria verdadeiramente prodixiosa: velaí os socalcos que constitúen unha vida desde as súas orixes, pasando polos anos de chumbo, a posguerra, a experiencia bonaerense que vai desde o seu compromiso político ata o coñecemento que trabou con parte da intelectualidade galega radicada naquela cidade, alén doutras presenzas recuperadas, algunhas delas moi escurecidas pola distancia e o paso do tempo. para chegar, finalmente, aos derradeiros anos.

Sorpréndeme a ausencia deste título nas referencias que circulan sobre os libros máis salientables no xénero da divulgación,  ou das memorias, entre os publicados o ano pasado. Sorpréndeme porque a estrutura concienciudamente disposta para este traballo, a información oceánica que achega, o interese que moitas páxinas suscitan polo novidoso do seu contido constitúen elementos, francamente, moi salientables. Agardo que se lle faga xustiza a este libro e, sobre todo, que se lea porque é un libro importante, porque é un libro que, abertamente, combate a desmemoria, algo do que tan precisamos estamos nestes tempos tan convulsos e preocupantes.

Beizón por este proxecto, feito realidade, a todas as persoas que interviron nel e beizón á editorial Alvarellos por apostar, tan valentemente, por libros coma este.

Source: Caderno da crítica

2019-02-12T20:23:58+00:00 12 / 02 / 2019|Caderno da crítica|