Memoria do tranvía

Memoria do tranvía

Dedico o artigo de Faro de Vigo á memoria do tranvía metropolitano vigués:

Na remodelada praza de América chama a atención o tranvía chantado na praza do Emigrante, ocupada noutrora polas cocheiras centrais de Tranvías Eléctricos de Vigo. Unha peza procedente de Portugal, cedida ao concello por Vitrasa, que a mercou en Zaragoza e restaurou a súa carrocería coa intención de replicar da forma máis lograda posible un daqueles tranvías que circularon polas rúas viguesas e polos eidos vizosos do Fragoso, da Louriña e do Val Miñor dende o 9 de agosto de 1914 até o 30 de decembro de 1968.

Unha rede de liña tranviaria de 47 km (ano 1927) que forma parte esencial da memoria fotográfica daquel Vigo, que despois da anexión do concello de Bouzas (1904) superaba apenas os 30.000 habitantes, mais que comezaba o seu imparable crecemento industrial e urbano, como tamén o dos seus concellos limítrofes de Teis e Lavadores. Un proxecto de mobilidade modernizador e futurista, ideado hai un século por pioneiros vigueses como Martín Echegaray, primeiro presidente da empresa, ou o enxeñeiro e pensador anarquista Ricardo Mella Cea, primeiro director xerente, deseñado tanto para ser tranvía urbano como de cercanías, capaz de substituír a carruaxes e carrilanas e unir Vigo con Baiona, Gondomar, Porriño e coa pretensión de chegar mesmo á vila balnearia de Mondariz.

Ao longo de medio século as oito liñas e o medio cento de tranvías vigueses marcaron o ritmo diario de case cen mil viaxeiros, dende as cinco e media da mañá ás once da noite, a intervalos de dez ou doce minutos, coma sucedía noutras cidades europeas. Liñas cuxas cabeceiras aínda podemos lembrar no ano do seu peche, un erro histórico irreparable, froito doutra portanetada franquista máis, como o derrube do extraordinario edificio Rubira de Jenaro de la Fuente, que anos despois sería considerada polos tribunais como un caso de soborno. Liñas que enlazaron os barrios vigueses e, en boa medida, constituíron os auténticos eixos modeladores do crecemento urbano, facendo de Vigo unha cidade en bisbarra (Otero Pedrayo dixit), unha cidade en rede e policéntrica de beleza desordenada. Liñas urbanas que foron tradicionalmente 1 Estación-Pereiró; 2 /9 Os Caños-Bouzas; 3 Cabral-Ribeira; 4 Chapela-Mercado; 5 Bouzas-Seixo; 6 A Florida-Chapela; 7 Seixo-Ribeira e 8, Seixo-Travesas. Ás que se sumaron as liñas suburbanas que uniron Vigo (rúa Uruguai) con Muíños-Samil, con Baiona, coa Ramallosa e Gondomar e Vigo (Ribeira) con Porriño.

Tranvías que foron modelando, tamén, a alma sentimental da propia cidade, até converterse no seu primeiro símbolo, identificable na memoria polos seus edificios pétreos e polo paso entre eles das unidades dos siboney, tamén chamados odessa, dos mar aberto, dos sevillanos ou da bonita, nomes, entre outros, cos que os nosos avós e bisavós nomearon aos diferentes modelos de tranvía, que nos anos setenta, tras a portanetada, apodrecerían nas vías da estación da Florida, onde nos levaron tantas veces a ver á mona. Un desleixo vergonzoso que levou a arruinar e logo a perder todas aquelas unidades e a non conservar sequera algunha como vestixio dun transporte metropolitano pioneiro e ecolóxico, que consideramos un auténtico tesouro local roubado.

Unha perda á que hai dúas décadas bautizamos como Síndrome Siboney, lembrando o nome popular daqueles primeiros que circularon a comezos dos anos vinte, nos que viaxou a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson e nos que ela lembraba ao tranviario conducindo cunha rosa entre os dentes, unha imaxe marabillosa do optimismo elegante da cidade nosa. Unha síndrome Siboney caracterizada por amosar un estado de ánimo saudoso evocador de momentos inesquecibles protagonizados polos tranvías, eis aqueles «puntos» que os condutores metían cando rubían pola costa de Urzaiz, a altura de Casablanca, eis a afouteza efémera dos que baixaban en marcha cando acudían aos seus empregos ou quedaran a tomar unha chiquita. Mais tamén expresa a fatalidade das feridas dalgúns accidentes mortais como os das xardiñeiras ao seu paso polo paseo de Alfonso ou o daquel siboney que descarrilou á altura da rúa Lepanto en 1935, traxedias das que dificilmente cicatrizan, que marcaron a historia dalgunhas familias nosas.

A presenza en Travesas dunha réplica, para algúns máis e para outros menos afortunada (non existiu a liña 18 a Peniche nin os asentos foron tapizados), dun daqueles tranvías é unha oportunidade para non esquecer a pegada daquela rede de transporte metropolitano pioneira, creada hai un século por capitais e empresarios vigueses. Os tranvías simbolizan o emprendemento colectivo vigués e o seu dinamismo anticipatorio ao longo da primeira metade do século XX, mais expresan tamén o carácter desmemoriado e frívolo dunha cidade capaz de arruinar coa mesma facilidade as pezas do seu patrimonio ou os seus proxectos colectivos.







Source: BrétemasBrétemas

2019-05-28T18:27:56+00:00 28 / 05 / 2019|Brétemas|