María Victoria Moreno: voz pioneira e polifacética

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/María Victoria Moreno: voz pioneira e polifacética

María Victoria Moreno: voz pioneira e polifacética

O herdo de María Victoria Moreno resulta exemplar por pioneiro e polifacético. Pioneiro porque, alén de incorporarse con naturalidade ao discurso creativo na nosa lingua ata converterse nunha voz fundamental, dá pasos admirables nun xénero no que detecta unha tanxible escaseza de propostas para o público máis novo e velaí os seus innovadores Mar adiante (1973) ou Leonardo e os fontaneiros (1986), entre outros.

Polifacético pois recreará universos que tocan de preto ás persoas que trata acotío pola súa profesión docente. Así nace un dos clásicos das nosas letras comoé Anagnórise (1988) ou, máis tarde, Guedellas de seda e liño (1999): alleos ambos os dous a calquera pretensión moralizante, esixentes en canto á súa morfoloxía e concibidos con destreza narrativa. Dedicou esforzos, asemade, aos traballos didácticos arredor da nosa literatura ou á creación ensaística, como se reflicte en Diario da luz e a sombra (2004): unha proposta chea de vida e de honestidade na que relata a súa experiencia como enferma de cancro de mama. E hai máis pois achegouse á poesía en Elexía de luz (2006) e traduciu, con excelencia, a poetas galegos ao castelán ou a Manuel de Pedrolo á lingua galega.

Esta escolla faime feliz porque, alén de grande escritora, foi docente comprometida para quen os seus alumnos “encheron de luz a súa vida”. Isto ás veces pasa e é fermoso.

 

Este texto publicouse nas páxinas de La Voz de Galicia, o 18 de xuño de 2017.

 

 

Arquivado en:Día das Letras, Divulgación, Literatura galega Tagged: Día das Letras 2018, La Voz de Galicia, María Victoria Moreno
Source: Caderno da crítica

2017-06-18T23:44:22+00:00 18 / 06 / 2017|Caderno da crítica|