María Solar coordinará a nova programación cultural da CRTVG

Inicio/INFORMACIÓN/Cultura Galega/María Solar coordinará a nova programación cultural da CRTVG

María Solar coordinará a nova programación cultural da CRTVG

A nova temporada da CRTVG trae con ela un novo proxecto de comunicación da información cultural, Cultura365, que estará coordinado pola xornalista e escritora María Solar, de ampla traxectoria no ente público a través de diversos programa da radio e da televisión. Información cultural específica na TVG, na Radio Galega e na nova canle dixital os 365 días do ano son os parámetros deste proxecto integrado dos medios públicos galegos. Tras a protestada desaparición do histórico formato do programa da Radio Galega Diario Cultural, o novo proxecto contempla, como estaba anunciado, convertelo en microespazos ao longo da programación diaria cun total acumulado de unha hora e corenta minutos repartidos en horarios de mañá e de tarde e, segundo a CRTVG, con contidos novos en cada unha das sucesivas emisións. Este novo modelo do Diario Cultural ofrecerase en directo tamén na fin de semana e contará coa súa propia canle dixital, que albergará contidos audiovisuais, as “caras B” dos programas (como se fan, como se gravan…), os podcast e tamén unha achega exclusiva de todos os colaboradores de cultura da nova temporada, entre os que non están ningún dos da anterior temporada do Diario Cultural que se despediron en xuño cunha carta dirixida á Directora de Programas na que expresaban o seu malestar cos cambios no formato de programación cultural da radio.
Na TVG, á marxe dos xa coñecidos Cada Día un Libro ou Ben Falado amplíase a programación cultural, onde o ZigZag pasará a emitirse tamén na fin de semana, na primeira canle da TVG e en horario gran audiencia. Para esta temporada con Solar como coordinadora de Cultura da CRTVG, o Zigzag estará dirixido nesta nova andaina pola presentadora, guionista e filóloga Rosa Castro. A TVG tamén apostará na vindeira tempada por un programa específico de concertos de música clásica e outro de música contemporánea. Na nova canle dixital exclusiva para os contidos culturais, os novos colaboradores da Radio Galega escribirán tamén sobre as áreas en que son expertos. A nova programación cultural contará, entre outras, coas sinaturas de: Beli Martínez, colaboradora sobre o audiovisual galego; Ánxela Caramés, colaboradora de arte; Miguelanxo Prado e Carlos Portela, colaboradores de banda deseñada; Tito Lesende, colaborador de pop rock; Armando Requeixo, colaborador de narrativa literaria; Montse Pena Presas, colaboradora en literatura infantil e xuvenil; Alba Cid, colaboradora de poesía; Rut Balbís, colaboradora de danza e arte do movemento; Roberto Pascual, colaborador de teatro; Luís Miguel Crespo Caride, colaborador de música clásica. E contará tamén coas achegas e colaboracións da Real Academia Galega e coas do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares. A Radio Galega contará para esta temporada tamén con coa colaboración dos directores dos programas especializados da emisora pública que seguirán en antena: Emilio Españadero, colaborador de música folk e tradicional, director do programa Lume na Palleira; Xabier Facal, colaborador de jazz e director de Notas de Jazz; Begoña Vázquez, colaboradora de cine e audiovisual e directora de Sala 5, e Manuel Vicente, colaborador de cultura científica e director de Efervesciencia.

Amais desta nova aposta, continúa para esta temporada unha ampla selección de programas arredor da cultura na Radio Galega, como Arredor de Nós, o histórico Estudio 3 con Ricardo Alonso, que traerá de novo os Concertos de Estudio 3 de bandas galegas; O Lobo Urbano, con Charly Domínguez; Onda Vital; Deriva Atlántica, Fondos Reservados, Concerto Popular, Allegro Moderato, Tres Peixes Voando, e tamén seguirá o proxecto bautizado como Medio Bolo, a emisión de concertos gravados con tecnoloxía dixital nos estudios da Radio Galega.
Source: NOVAS |culturagalega.org

1970-01-01T00:00:00+00:00 01 / 01 / 1970|Cultura Galega|