Marcos Teira alcanza as súas metas musicais de doce anos con 'NÓs'

Inicio/INFORMACIÓN/Cultura Galega/Marcos Teira alcanza as súas metas musicais de doce anos con 'NÓs'

Marcos Teira alcanza as súas metas musicais de doce anos con 'NÓs'

Coa presentación de NÓs (Autoedición, 2019) acaba para Marcos Teira un ciclo que deu comezo hai 12 anos, cando gravou Alí(2008), e que consistía na procura dunha linguaxe musical que tiña que ver coa guitarra flamenca e as outras músicas como o jazz que se podían traer aos paos do flamenco tradicional. O guitarrista da Pobra do Caramiñal, un referente do flamenco e a fusión en Galicia, así o afirmou hoxe na presentación aos medios deste proxecto colectivo en quinteto e o seu primeiro disco homónimo. Xunto a Teira defenden este proxecto o contrabaixista Alfonso Calvo, o pianista cubano Alejandor Vargas, o percusionista Moisés Fernández e no taconeo e palmas o bailaor Isaías Salazar. Nesta compañía Teira asegurou sentirse plenamente satisfeito do resultado colectivo. “O que tiña gañas de facer de verdade era isto”, afirmou referíndose tanto á propia música como a conformación deste combo singular no que hai galegos paios e xitanos e un cubano. O nome “NÓs” comprende ao colectivo pero tamén serve para facer relación aos lazos que se establecen musicalmente neste traballo e entre eles. Sete versións alleas e outra canción na que o propio Teira se versiona a si mesmo conforman este disco que se estreará en concerto o vindeiro venres no Teatro Principal de Santiago e que polo de agora só se poderá adquirir fisicamente e nos propios concertos dos artistas. Temas de Django Reinhardt, Jaco Pastorius, Bach ou The Beatles son revisados baixo a linguaxe propia de NÓs neste disco producido polo propio Teira para o que ademais se contou con outras colaboracións na gravación como Irene Gabarrón, José Manuel Díaz ou Ruven Ruppik entre outros. O vindeiro 4 de maio a formación estará no Cine Elma da vila natal de Marcos, a Pobra do Caramiñal.
Source: NOVAS |culturagalega.org

1970-01-01T00:00:00+00:00 01 / 01 / 1970|Cultura Galega|