Luns, de Eli Ríos

Luns, de Eli Ríos

Luns

Eli Ríos

Xerais, Vigo, 152 páxinas, 16,85 €, 2017

 

Sigo nos últimos anos, con especial atención, a evolución da traxectoria literaria de Eli Ríos (Londres, 1976). Nuns poucos anos esta autora conseguiu un considerable número de galardóns literarios entre narrativa e poesía que, alén de posibilitar a publicación das súas propostas, contribuíu a poñer a súa obra en primeiro plano da actualidade literaria.

Volve agora ocupar este espazo privilexiado ao conseguir, coa novela Luns, o premio de narrativa Torrente Ballester 2016 na modalidade de lingua galega e organizado pola Deputación da Coruña. Abeirándose a un rexistro case esencialista, rotundamente espido de todo aquilo que se puidese cualificar como accesorio, preséntase un discurso sen intermediarios para o que escolle un audaz pero efectivo  fluír de conciencia, directo e intenso, onde non falta un sutil arrecendo irónico.

Luns obriga a nos mergullar nun universo onde a presenza abouxante do cotián cobra outra dimensión ao bater nun conflito substantivado nas vivencias e mais na propia supervivencia de Nerea: a protagonista á que se lle dignostica un cancro e que, tanto pola súa reacción diante da doenza como polas súas circunstancias persoais, resulta difícil non esquecer pois un personaxe así perfilado permite desvelar realidades agochadas que poden e deben ollarse, en consecuencia, desde outra perspectiva.

Luns, así pois, constitúe unha achega marcada inequivocamente por unha intencionalidade reivindicativa e social, erixida desde a apelación que se fai ao estado de cousas da nosa realidade social e mais tamén ao propio sentimento. Posibilita, así pois, articular unha reflexión sobre unha manchea de asuntos entre os que saliento a vulnerabilidade e a invisibilización, a necesidade de asumir cambios cando son precisos para a propia vida, as diversas dimensións que carrexa a violencia ou cal é o verdadeiro significado do concepto do tempo coa morte como pano de fondo. Unha novela intensa, como se ve, dona dun ritmo vertixinoso que revela moitos abismos. Esta prosa de Eli Ríos fere coma se se escribise co gume dunha navalla. Sempre fan moita  falta libros así.

 

Reproduzo aquí a versión íntegra da recensión publicada, o 6 de outubro de 2017, nas páxinas do suplemento Fugas.

Arquivado en:Crítica literaria, Literatura galega, Novela, Premio Tagged: Eli Ríos, Fugas, La Voz de Galicia, Premio Torrente Ballester 2017, Xerais
Source: Caderno da crítica

2017-10-08T19:16:00+00:00 08 / 10 / 2017|Caderno da crítica|