Letras galegas na Rede: un fervedoiro cultural

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/Letras galegas na Rede: un fervedoiro cultural

Letras galegas na Rede: un fervedoiro cultural

unnamedPublicouse onte nas páxinas de cultura da web de La Voz de Galicia este pequeno artigo que hoxe aparecen tamén na edición en papel. Un achegamento para sobrelevar mellor estes días  mirando sempre a nosa literatura. Non se trata dun achegamento exhaustivo pois tamén hai outras iniciativas como a de Baía Edicións – –  ou a descarga gratuíta de Os monos de Laxeiro que ofrece Laiovento, e que non se recollen aquí. Por sorte un evidente efecto bóla de neve que irá a máis.

Ás poucas horas de ditarse as normas que nos confinan nas nosas casas agromaron numerosas iniciativas que ofrecen na rede moitos contidos de balde. Campañas de institucións como a AELG animaron a empregar diversos cancelos como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa  ou #CulturaNaRede por só citar algúns, que  promoveron que diversas persoas con presenza na rede espallasen nelas contidos orientados a promocionar a lectura e outras actividades vinculadas coa literatura galega. Axiña se sumaron a estas campañas promocionais da lectura e do libro a Federación de Libreiros de Galicia co lema “Os libros non contaxian pero enganchan” ou a Asociación Galega de Editoras  coa campaña “Mergúllate. Le en galego”.

É salientable, sobre todo, o esforzo das diversas editoriais, que actúan con convicción en tempos de verdadeira incerteza polo complicado futuro que se albisca, como motores que vivifican o acceso á literatura galega na rede. Eis o caso de KalandrakaTV, o canal de televisión dixital de Kalandraka Editora, que potenciou os seus contidos con numerosas propostas audiovisuais baixo a etiqueta #ContosContados. Asemade, Edicións Xerais convidou a diversas voces do seu catálogo para ler a primeira páxina dun dos seus libros baixo os cancelos #envozpropia #librosxerais mentres que, pola súa parte, Galaxia, ofreceu en aberto a película A esmorga e publicitou o envío gratuíto das vendas on-line do seu catálago. Apiario sumouse igualmente á campaña de promocionar a poesía a través da lectura de poemas de diversas autoras ao abeiro da etiqueta #poesíaNaCorentena.

Unha editora especializada no ámbito da tradución tamén se sumou a estas iniciativas: a canguesa Rinoceronte, baixo a denominación  #RinoplanDeContinxencia, cargou na súa web de libre acceso o título O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley, traducido por Estela Villar e o audiolibro O ano do xardineiro, do escritor checo  Karel Čapek.

Cómpre non esquecer iniciativas particulares como a de Francisco Castro, que ofrece na súa páxina persoal o primeiro capítulo da súa novela Tantos anos de silencio; a que impulsou Diego Giráldez baixo a etiqueta #corentenaliteraria que agrupa un bo grupo de voces contemporáneas que len na rede un  capítulo ou un fragmento da súa obra. A estas súmanse propostas como a do Colectivo de Narración Oral de Galicia, que ofrece unha substanciosa #pandemiadecontos ou a do  “Festival Atlántica: O Conto non para” coa presentación de relatos orais verdadeiramente suxestivos.

Exemplos todos os citados, e outros que quedan fóra,  do compromiso solidario  e xeneroso de institucións, particulares e empresas editoras a prol de encher de recursos culturais e literarios esta corentena.

Source: Caderno da crítica

2020-03-23T07:59:15+00:00 23 / 03 / 2020|Caderno da crítica|