La grieta

Un deses cómics esenciais que debemos ter presentes para non esquecermos a realidade social: La grieta de Carlos Spottorno e Guillermo Abril, publicado por Astiberri. O libro, un foto libro, é un drama en si mesmo, o dos refuxiados. Dous xornalistas que viven en primeira persoa o que ocorre en diferentes partes da entrada a Europa, a carón deses muros que queren dividir a humanidade. Durante tres anos traballan nas fronteiras europeas para agora converter ese labor nun cómic que nos golpea de primeira man, que nos lembra a nosa pouca humanidade e a desesperación que atinxe a esoutra parte de persoas que foxen das guerras, da fame, da miseria, para atoparse aquí outra miseria diferente, a nosa, a que nós lles ofrecemos, a miseria humana, a peor miseria.
O título fai referencia á procura desas “grietas” nos muros que permitan cruzar para tentar estar a salbo: Melilla, Libia, Balcáns, Finlandia, Bielorrusia…: muros con grietas salvadoras que só teñen un significado, esperanza. Baixo este nome constrúen o seu futuro miles de persoas.
Imprescindible.

Source: TRAFEGANDO RONSEIS

2017-08-28T09:01:00+00:00 28 / 08 / 2017|Trafegando ronseis|