Josefa Yáñez Dobarro, unha mindoniense na revolución cubana

Inicio/DE ESCRITORES GALEGOS/Caderno de campo/Josefa Yáñez Dobarro, unha mindoniense na revolución cubana

Josefa Yáñez Dobarro, unha mindoniense na revolución cubana

Josefa Yáñez Dobarro. Foto: Quintela

Josefa Yáñez Dobarro. Foto: Quintela

Josefa Yáñez Dobarro naceu no lugar de Cotarelo, parroquia de Santa María Maior, Mondoñedo (Lugo), o 13 de maio de 1875. Casou con Manuel Basanta e emigrou a Cuba en 1911 ou 1912, un tempo despois do seu esposo.

Vivían nos arrabaldes da Habana, no barrio de El Globo, en Calabazar, nunha chacra, unha pequena propiedade rural coñecida como La Gallega, con casa, cortes e terreos de cultivo. Tiveron un fillo, Manuel, e unha filla, Josefa. O esposo, de oficio ferroviario, morreu en 1943.

Aínda que era analfabeta involucrouse activamente na loita revolucionaria. Naquela casa, a nº 6403 de El Globo, Fidel Castro e outros estableceron unha especie de cuartel nos tempos da clandestinidade. Alí foi un dos lugares onde se fixeron reunións preparatorias para o asalto ao cuartel de Moncada en xullo de 1953. Alí, Fidel Castro, o galego Pedro Trigo e outros, diante dun grupo de 140 campesiños desaloxados pola forza dunha facenda adquirida fraudelantamente polo entón presidente, Carlos Prío, anunciou o 5 de marzo de 1952 a súa intención de levar a cabo, tras o triunfo da revolución, unha reforma agraria. Precisamente naquelas terras construíse tempo despois o actual Parque Lenín.

En agradecemento, segundo Pedro Trigo, “Al triunfo de la Revolución colocamos una placa en la casa de Josefa, pero tras la muerte de ella alguien la botó y muchas veces hemos pedido poner otra donde se diga que fue en este lugar donde Fidel por vez primera habló de la Reforma Agraria, pero nuestro reclamo no ha sido escuchado”.

Fidel aparecía pola casa de Josefa de cando en cando para visitala e para probar un viño especial que Josefa elaboraba con pomelo. Nos anos finais da vida de Josefa, Fidel, por mediación de Pedro Trigo, visitouna (seica bebeu unha garrafa de 4 litros daquel viño que ela gardaba para a ocasión) e coidou que non lle faltase de nada á camarada que con tanta discreción e valentía axudara á loita dos revolucionarios cubanos.

Josefa Yáñez Dobarro morreu con 94 anos no hospital La Covadonga o 1 de marzo de 1970 e os seus restos repousan no cemiterio Colón da Habana.

© Antonio Reigosa

Referencias / Bibliografía

Fernández, M. (2015): «Mariñanos protagonistas de la revolución de Fidel Castro», en La voz de Galicia-A Mariña. Publicado o 22.11.2015.

Josefa Yáñez. Una colaboradora de la revolución cubana, en Miscelánea Mindoniense [http://www.blogoteca.com/doural/index.php?], a cargo de Andrés García Doural. Publicado: 11.03.2009.

Josefa Yáñez: Unha heroina anónima, en Quintela [http://soteloblanco.blogspot.com/2010/10/josefa-yanez-unha-heroina-anonima.html], a cargo de Olegario Sotelo Blanco. Publicado: 13.10.2010.

Neira Vilas, X. (1998): Galegos que loitaron pola independencia de Cuba, Edicións do Castro, p. 227.

Oramas Camero, A. (2007): Galegos da Habana, Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela.

Pérez Leira, L. (2008): Cuba, los gallegos y el Che, Crónicas de la Emigración, Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo, Mos, Pontevedra.

Source: Caderno de campo de Antonio Reigosa

2019-03-12T17:48:03+00:00 12 / 03 / 2019|Caderno de campo|